O Concello estrea novas guías dos museos e do Camiño, un inventario de 106 bens turísticos e 5 Gastrorutas pola cidade

A Alcaldesa, xunto ás concelleiras de Emprego e Cultura, presentou os novos recursos e ferramentas de difusión e promoción dos atractivos de Lugo, froito do traballo dos 23 alumnos do obradoiro Cultur@Lvcvs

“Con todo este novo material dámoslle un importante pulo á promoción da nosa cidade e avanzamos para consolidar a actividade turística como motor económico do municipio”, subliñou Lara Méndez

Luns, 29 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello estrea novas guías dos museos e do Camiño, un inventario de 106 bens turísticos e 5 Gastrorutas pola cidade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ás concelleiras de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico e de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Ana Prieto e Carmen Basadre, presentaron este luns no Salón de Plenos o novo material divulgativo e as novas ferramentas que estreará o Concello “co obxectivo de pór en valor o patrimonio cultural e histórico de Lugo, así como a súa gastronomía e as zonas verdes”, subliñou a rexedora. Trátase de guías sobre os catro centros arqueolóxicos (Domus do Mitreo, Casa dos Mosaicos, Porta Miñá e San Roque- e do Camiño de Santiago, un inventario de 106 bens turísticos da cidade e 5 rutas gastronómicas –baixo a denominación de Gastrorutas- por 31 locais hostaleiros da cidade (Ruta do Polbo, do Queixo, do Lacón, do Grelo e Ruta Doce).

Son unhas novas ferramentas editadas e postas en marcha polo Concello, froito do traballo dos 23 alumnos-traballadores, e os 3 profesores do obradoiro de emprego Cultur@Lvcvs, un taller financiado pola Xunta, e coordinado de maneira trasversal polas concellerías de Emprego e Cultura. Finalizado o pasado 19 de febreiro, os títulos entregaranse aos participantes nos vindeiros días nun acto que contará con representantes da administración local e autonómica.

A prioridade, o emprego

A Alcaldesa destacou na rolda de prensa que a creación de emprego é “a prioridade do Goberno por moitas razóns”, entre elas, explicou, “porque o  78% da poboación, segundo o CIS, afirma que o seu principal problema é o desemprego; porque en Lugo superamos o limiar dos 8.000 parados, chegando aos 8.167, e porque só un 4% dos desempregados encontran traballo a través das oficinas de emprego, o que pon de manifesto a necesidade imperiosa de que dende as administracións traballemos para paliar esta situación, que ademais deriva en que moitas familias sexan demandantes de servizos sociais, teñan risco de exclusión, problemas para afrontar necesidades básicas... Polo que, se creamos emprego, solucionaremos de maneira paralela moitos outros problemas sociais”.

Xestión cultural

Dentro da especialidade de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais do obradoiro de emprego Cultur@Lvcvs, os seus 8 alumnos realizaron varios talleres didácticos, así como visitas guiadas aos centros arqueolóxicos que integran a rede de museos municipais. Os obradoiros tiveron lugar entre os meses de outubro a xaneiro, e neles participaron 1.909 alumnos de educación infantil e de primaria de 12 centros educativos da cidade. Ademais, os alumnos desta especialidade confeccionaron guías didácticas dos 4 centros arqueolóxicos, que poderán descargarse dende a páxina web do Concello (lugo.gal).

Educación ambiental

En canto aos 7 alumnos-traballadores da rama de Interpretación e Educación Ambiental, elaboraron unha Guía do Camiñante que recolle información sobre as principais caracterísitcas medioambientais do tramo do Camiño Primitivo ao seu paso polo municipio de Lugo. Ademais, desenvolveron un total de 33 obradoiros e rutas interpretadas polo entorno natural, no que participaron un total de 1.557 alumnos de educación primaira e educación infantil de 7 centros educativos da cidade.

Promoción turística

Por último, os 8 alumnos da especialidade de Promoción Turística Local e Información ao Visitante puxeron en marcha dous puntos de información, un fixo situado no edificio da Vicerreitoría e outro móbil, o cal, segundo a semana, variou a súa situación en diferentes facultades do campus de Lugo. Realizaron tamén un inventario de recursos turísticos cos que conta a cidade, unha  coidada publicación que recompila 106 bens, entre barrios, museos, edificios singulares, fontes, monumentos, pontes, prazas, restos arqueolóxicos, capelas, catedrais, conventos, cruceiros, igrexas, eventos culturais, eventos gastronómicos, festas, o camiño de Santiago, parques e roteiros de sendeirismo.

As Gastrorutas

“Pensando no atractivo e a proxección que ten a gastronomía en Lugo”, explicou a Alcaldesa, deseñouse unha aplicación web para promover rutas gastronómicas pola cidade, ofrecendo deste xeito a posibilidade de que o turista goce do produto gastronómico lucense. Trátase de 5 rutas gastronómicas elaboradas con produtos autóctonos da terra e do mar. As rutas son: Ruta do Polbo, do Queixo, do Lacón, do Grelo e Ruta Doce. O Gastromapa turístico da cidade poderase consultar en gastrorutas.lugo.gal

Participan 31 establecementos que estarán debidamente identificados cunha pegatina que tamén deseñaron os alumnos. Os locais son: Vinoteca Casa d`Auga, Restaurante Antes, Ave César, Cervecería La Fábrica, O Mercado Street Food, Restaurante Porta da Estación, Mesón El Castillo, Curruncho A Nosa Terra, Campos, Taberna Daniel, La Encina, Restaurante O Cantiño, Mesón O Castelo, Restaurante Tosar, Pazo das Pombas, Restaurante Anda, O Figón, O Candil, Pulpería Aurora do Carballiño, Bar O Pote, D´Cásual, Bulló Xantar, Paprica, Portal 36, Restaurante España, Vagalume, Confitería Santos, Madarro, Confitería Conde, Vanity Cakes e Confitería Ramón.

Distribuiranse 5.000 folletos das rutas gastronómicas nos 31 establecementos participantes, así como 500 guías do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo na Oficina de Turismo e nos Museos Municipais.

Pulo ao turismo

Con todo este novo material e recursos froito do obradoiro Cultur@Lvcvs “dámoslle un importante pulo á promoción da nosa cidade e avanzamos para consolidar a actividade turística como motor económico do municipio, un obxectivo no que dende o equipo de goberno traballamos de maneira transversal dende o primeiro día, aproveitando para elo o extraordinario potencial da cidade bimilenaria que temos aos nosos pés”, asegurou a rexedora, ao tempo que fixo fincapé no incremento de visitantes a Lugo, que medra ano tras ano, un 92% dende o 2008, un 9% dende o 2010 e un 28% no pasado mes de xaneiro con respecto ao mesmo mes do ano 2015.

Audio

Multimedia

Noticias relacionadas