O Concello impulsa o Camiño Primitivo cun programa de visitas guiadas gratuítas

A Voltas polo Camiño Primitivo: tras os pasos de Alfonso II, ofrece 16 paseos de dúas horas e media de duración, a partir do 7 de agosto. Todos os interesados xa se poden inscribir na Oficina Municipal de Turismo

Durante o mes de agosto, o Concello ofrece tamén obradoiros de inglés e francés, para nenos con idades comprendidas entre os 6 e os 9 anos, na Casa das Linguas e no Centro María Balteira

Venres, 31 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cartel de A Voltas polo Camiño Primitivo: tras os pasos de Alfonso II

O Concello de Lugo pon en marcha un programa de visitas turísticas guiadas gratuítas para impulsar o Camiño Primitivo, declarado recentemente Patrimonio da Humanidade, ao seu paso por Lugo. Así o anunciou este venres a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen considera o recoñecemento da UNESCO de declarar ao Camiño Primitivo como Ben Mundial, como “unha gran oportunidade para Lugo”.

“Debemos aproveitar esta distinción, posto que multiplica as potencialdiades da nosa cidade e ademais entronca coa aposta que facemos dende o Goberno Local polo turismo cultural e por situar a Lugo como porta de entrada a Galicia do Camiño Primitivo de Santiago, co fin de estimular a economía e o turismo lucense. Lugo é un concello de historia milenaria no que sempre queda algo por descubrir”, destacou a edil.

Tal e como avanzou a Concelleira, o programa A Voltas polo Camiño Primitivo: tras os pasos de Alfonso II, ofrece en total de 16 paseos de dúas horas e media de duración, todos os venres e sábados dende o 7 de agosto ata o 26 de setembro, a partir das 18:30 horas. “As prazas son limitadas, 25 persoas cada andaina, polo que hai que inscribirse na Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Campo”, anunciou Basadre. No caso de quedar vacantes, as persoas interesadas poden sumarse ao grupo na hora de saída. Todos as viaxes discorrerán polo treito urbano do Camiño Primitivo, facendo paradas nos lugares máis sinalados e unha visita á Catedral de Lugo, declarada tamén recentemente Ben Mundial.

“En Lugo sabemos ben as oportunidades que leva consigo o recoñecemento internacional de Patrimonio da Humanidade, pois así o constatamos coa declaración da Muralla de Lugo como Ben Mundial”, sentenciou a Concelleira, quen lembrou que o número de visitantes á cidade se multiplicou por 10 a raíz desta declaración.

Campus lingüístico

Durante o mes de agosto, O Concello ofrece tamén obradoiros de inglés e francés, dirixidos aos nenos con idades comprendidas entre os 6 e os 9 anos, na Casa das Linguas e no Centro María Balteira.
Na Casa das Linguas, os luns e mércores do 3 ao 27 de agosto, de 10:00 a 11:30 horas, os cativos manterán encontros en inglés, e de 11:30 a 13:00 horas, de francés; mentras que no Centro María Balteira se desenvolverán estes mesmos obradoiros no mesmo horario, os martes e xoves.
Os interesados en inscribirse neste campus, que conta cun máximo de 15 prazas por grupo, poden anotarse nos propios centros.

Audio

  • Declaracións de Carmen Basadre sobre o novo programa de visitas guiadas gratuítas do Concello | Descargar mp3

Noticias relacionadas