O Concello inicia mañá a derruba do muro que provoca o tapón da Avenida da Coruña mentres licita as obras de urbanización

O voceiro do Goberno anuncia que operarios e maquinaria municipal comezarán mañá pola mañá os traballos para tirar a estrutura e adecuar de maneira provisional o espazo

Ao mesmo tempo, o Goberno avanza nos trámites para contratar de maneira inmediata as obras para acondicionar a beirarrúa, unha vez que a Xunta de Goberno aprobou hoxe de maneira definitiva tanto o proxecto de urbanización como de expropiación

“Decidimos comezar a actuar xa con medios propios porque temos os proxectos aprobados e porque os veciños e veciñas non poden esperar nin un día máis por esta actuación que levan anos demandando”, subliñou Miguel Fernández

Con esta obra que mellorará a seguridade e comodidade dos peóns nunha das vías con maior afluencia da cidade “cumprimos un novo compromiso coa cidadanía dende que conseguimos ter os orzamentos en vigor”

Mércores, 30 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, anunciou este mércores que mañá pola mañá operarios e maquinaria do Concello comezarán a derruba do muro que provoca o tapón urbanístico da Avenida da Coruña. Ao tempo que a entidade local tira con medios propios a estrutura e adecúa de maneira provisional o espazo, o Goberno avanza nos trámites para contratar de maneira inmediata as obras de urbanización da beirarrúa.

O Executivo toma a decisión de comezar a actuar xa, unha vez que hoxe mesmo a Xunta de Goberno aprobou os proxectos de urbanización e de expropiación necesarios para a eliminación do tapón da Avenida da Coruña e porque “entendemos que os veciños e veciñas non poden esperar nin un día máis por esta actuación que levan moitos anos demandando”, subliñou Miguel Fernández.

As obras de urbanización da zona teñen un orzamento de 41.404€, polo que se tramitarán a través dun contrato menor, “o que acurta moito os prazos”, asegurou o voceiro do Concello. Deste xeito, dado que o prazo de execución dos traballos é de tres meses, “a nosa previsión apunta a que o tapón urbanístico estará eliminado despois do verán”.

En canto á expropiación dos terreos, o proxecto, elaborado pola empresa municipal EVISLUSA, afecta a 172 metros cadrados de superficie fóra de aliñación (3 parcelas de 16 propietarios e indenmización pola extinción dun valo publicitario a Acrobasing SL). O importe económico que o Concello aboará pola expropiación é en total de 60.720,35€.

Coa eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, que mellorará de maneira substancial a seguridade e comodidade dos peóns nunha das vías con maior afluencia da cidade “cumprimos un novo compromiso coa cidadanía dende que conseguimos ter os orzamentos en vigor, despois das múltiples trabas da oposición”, destacou Miguel Fernández. “En pouco máis dun mes”, sinalou, “puxemos en marcha 6 grandes proxectos que mellorarán a calidade de vida dos lucenses e impulsarán o desenvolvemento económico de Lugo: o ascensor de Fontiñas, o aparcadoiro público e gratuíto do HULA, os 7 aparcamentos disuasorios, as bases para o viveiro de empresas da Tinería, carrís bici de 15,2kms e a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña.

Noticias relacionadas