O Concello recoñecerá o 8M o labor de catro lucenses referentes no ámbito científico e investigador a través dos Premios Entre Mulleres

A alcaldesa fará entrega destes galardóns a Rosa Romero, Esperanza Álvarez, Cintia Folgueira e Alba Díaz pola súa contribución social nunha cerimonia que terá lugar o próximo venres.

Paula Alvarellos: “Queremos homenaxear o intenso traballo que desenvolven nun ámbito no que a achega das mulleres ten sido fundamental ao longo da historia”.

A programación do 8M, deseñada pola Casa da Muller, inclúe tamén unha exposición intinerante baixo o título ‘De meniña a científica. Nin rosa nin azul, materia gris’.

Ademais, ao longo do mes haberá actividades culturais e de ocio como o festival Feminist Fest, actuacións de teatro e maxia, e deportivas coa celebración do ‘Corre con elas’.

Venres, 01 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello recoñecerá o 8M o labor de catro lucenses referentes no ámbito científico e investigador a través dos Premios Entre Mulleres

O Concello de Lugo  recoñecerá o vindeiro venres 8, Día Internacional da Muller Traballadora, o labor de catro lucenses referentes no ámbito científico e investigador a través dos Premios Entre Mulleres. Así o avanzou hoxe a alcaldesa Paula Alvarellos, que anunciou que as galardonadas este ano serán Rosa Romero Franco, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría;  Esperanza Álvarez Rodríguez, Catedrática de Universidade do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola; Cintia Folgueira Cobos, membro do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC); e Alba Díaz Geada, membro da Área de Historia Contemporánea da USC no Campus de Lugo.

Na súa comparecencia, a rexedora que estivo acompañada pola concelleira de Cohesión Social Ana González Abelleira explicou que “queremos homenaxear a traxectoria e o intenso traballo que desenvolven estas catro referentes nun ámbito, o científico, no que a contribución das mulleres ten sido fundamental ao longo da historia”.

A cerimonia terá lugar o propio 8M, ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello. “Sen dúbida será un acto moi emotivo, para o que ademais como novidade estamos deseñando una insignia cunha gran carga identitaria coa que asarallemos ás galardoadas para que teñan sempre presente que elas son un exemplo de que elas son Mulleres con forza, a nosa marca feminista propia”, anunciou a rexedora.

Alvarellos subliñou que “a celebración do 8 de marzo, e todo o que este día simboliza, bríndanos unha oportunidade inmellorable para lembrar aos e ás lucenses o camiño que aínda está por percorrer e permítenos dar visibilidade a todas aquelas mulleres que coa súa traxectoria contribúen a que se consoliden todos os avances logrados nos últimos anos”.

“Neste liña, ademais da entrega dos Premios Entre Mulleres este ano organizamos tamén unha exposición itinerante baixo o título ‘De meniña a científica. Nin rosa nin azul, materia gris’, que visibiliza o camiño, non exento de dificultades, que as mulleres científicas deben percorrer para que o seu traballo sexa recoñecido e valorado na súa xusta medida, nunha sociedade patriarcal que historicamente as quixo relegar a un papel secundario neste ámbito de traballo”, apuntou a rexedora.

“A programación deseñada desde a Casa da Muller conta ademais cun considerable número de actividades culturais programadas en puntos estratéxicos da cidade a través das cales pretendemos concienciar da importancia de educar e convivir en igualdade”, avanzou Alvarellos quen engadiu que “do mesmo xeito que a cultura, o deporte, algo con tanto arraigamento na nosa cidade, é outra gran arma para avanzar na igualdade; por iso, este mes organizaremos a carreira ‘Corre con Elas’, enmarcada dentro do circuíto Corre con Nós”.

Pola súa banda, Ana Abelleira destacou que “é preciso que desde o ámbito local sigamos traballando co compromiso de construír unha sociedade igualitaria, que garanta os dereitos de todas as persoas, así como a participación activa na vida local, para lograr a transformación social á que aspiramos”. Neste senso, a concelleira asegurou que “estamos convencidos de que sen dúbida este nutrido programa de actos que deseñamos desde Cohesión Social para conmemorar o Día Internacional da Muller vai contribuír a iso”.

Programación municipal polo 8M

O 8 de marzo ás 12:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Lugo terá lugar a entrega dos Premios Entre Mulleres ás científicas Esperanza Álvarez Rodríguez, Cintia Folgueira Cobos, Rosa Romero Franco é a historiadora Alba Díaz Geada.

A continuación, inaugurarase a exposición itinerante “De nena a científica. Nin rosa nin azul, materia gris”, creada polo grupo Cytcerones. Esta exposición poderá visitarse do 5 ao 10 de marzo, na Praza Maior; do 11 ao 17 de marzo, na Praza de Augas Férreas; do 18 ao 24 de marzo, na Praza da Milagrosa; e do 25 ao 31 de marzo, na Praza do Castiñeiro.

O sábado, 9 de marzo, a partir das 18:00 horas celébrase na Praza da Mosqueira o Feminist Fest coa participación do grupo de pandereteiras A Volta do Agro, grupo creado en Lugo no ano 1995 composto por mozos e mozas da provincia; os grupos Nebra, proxecto inspirado na música tradicional galega das cantareiras, en combinación con sons de electrónica, baixo eléctrico e percusión, e The Tetas’ Van, banda creada en 2011 co obxectivo de divertir transmitindo e reivindicando o feminismo; así como de Yaya DJ, artista que mestura temas de onte e de hoxe.

Por outra banda, tamén haberá actuacións de teatro e maxia para a igualdade, dirixidas ao público infantil e familiar, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. As sesións están programadas os martes de marzo a partir das 18:00 horas. A primeira, baixo o título “Somos iguais na maxia” celebrarase o día 5, no centro de convivencia Maruja Mallo da man de Elisa e Ian; a segunda “Asdomare”, interpretada por Vero Rilo e Sonsoles Penadique, será no auditorio do Vello Cárcere, o día 12; e, finalmente, o 19 de marzo o MIHL acollerá a sesión “Cinema de historias da man de Alice Guy, a nai do cine”, da artista Raquel Queizás.

Así mesmo, o vindeiro sábado 9 de marzo, a partir das 16:00 horas, terá lugar no salón de actos da Deputación o XVI Encontro da Muller Xorda de Galicia, organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e a Asociación lucense, coa colaboración do Concello.

Finalmente, o domingo 24 de marzo celebrarase o ‘Corre con Elas’, correspondente á terceira proba do circuito Larsa Corre con Nós 2024, en homenaxe ás nenas, mozas e mulleres deportistas. Contará con catro categorías: minis (ás 12:00 horas); sub 10/sub 12 (ás 12:05 horas); sub 14/sub 16 (ás 12:15 horas) e sénior (a partir das 12:30 horas).

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a presentación do 8M | Descargar mp3
  • A concelleira de Cohesión Social, Ana González Abelleira, sobre a presentación do 8M | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello recoñecerá o 8M o labor de catro lucenses referentes no ámbito científico e investigador a través dos Premios Entre Mulleres
  • O Concello recoñecerá o 8M o labor de catro lucenses referentes no ámbito científico e investigador a través dos Premios Entre Mulleres
  • O Concello recoñecerá o 8M o labor de catro lucenses referentes no ámbito científico e investigador a través dos Premios Entre Mulleres

Noticias relacionadas