O Concello reduce a débeda este ano nun 36%

A Xunta de Goberno aprobou este mércores o aboamento ao persoal municipal da parte correspondente da paga extraordianria e adicional do mes de decembro de 2012, o 26,25%, por un importe total de 306.868,73 euros

Nesta sesión tamén se aprobou o proxecto de modificación das Ordenanzas Fiscais para o ano 2016. “O Concello de Lugo non subirá ningunha taxa nin imposto para o vindeiro ano”, destacou Fernández

Mércores, 11 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández, voceiro municipal

A Xunta de Goberno aprobou este mércores unha amortización anticipada de débeda financeira por importe de 2,1 millóns de euros, que, sumados aos 6 millóns xa amortizados, supoñen que o Concello reducirá o endebedamento neste ano un 36%, pasando dos 22,5 millóns cos que cerrou 2014 a 14,4 millóns a peche de 2015. Así o explicou o voceiro do Goberno, Miguel Fernández, quen destacou que, mentres reduce a débeda, o Concello mantén o investimento por habitante, tal e como constata a Conta Xeral do pasado ano.

Segundo os datos oficiais e públicos do Ministerio de Facenda correspondentes a 2014, Lugo está entre as grandes cidades galegas con menos débeda, tanto en termos absolutos, como por habitante, moi por debaixo da Coruña, Santiago e Ferrol.

Paga extra

Miguel Fernández adiantou que na Xunta de Goberno desta mañá aprobouse o aboamento ao persoal municipal da parte correspondente da paga extraordinaria e adicional do mes de decembro de 2012, o 26,25%, que lle fora retirada aos traballadores por orde do Goberno Central, por un importe total de 306.868,73 euros. O voceiro municipal asegurou que “a paga extra devolverase coa vindeira nómina mensual a máis dos 586 traballadores en activo, ademais do persoal xubilado ao que lle corresponde”. Neste senso, Fernández lembrou que a primeira cuarta parte da extra de 2012 xa se devolvera a principios de ano.

Praza de Abastos

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a proposta de aproveitamento comercial e distribución de usos do edificio da Praza de Abastos de Lugo, remitida pola oficina do Plan Urban e elaborada por MERCASA. Tal e como destacou Fernández, “con esta nova distribución, melloramos a imaxe da praza, aproveitando a superficie comercial ata o momento desocupada e agrupando os postos por actividades, así como a conexión entre plantas e a accesibilidade”.

Ordenanzas Fiscais

“Fóra dos asuntos da orde do día da Xunta de Goberno Local ordinaria, aprobamos o proxecto de modificación das Ordenanzas Fiscais para o ano 2016”, segundo avanzou Miguel Fernández. “Facémolo cumprindo co noso programa electoral e coa palabra dada a diversos colectivos do municipio”, aseverou o voceiro.

Neste proxecto, que debe elevarse ao Pleno para a súa aprobación, figuran modificacións nas ordenanzas por licenzas de apertura de establecementos, do servizo de centro de día, polo servizo de mercado, escolas infantís, de axuda e comida no fogar, polo aproveitamento especial da vía pública, sobre vehículos de tracción mecánica; sobre construccións, instalacións e obras, e sobre o Imposto de Bens Inmobles, entre outros.

“O Concello de Lugo non subirá ningunha taxa nin imposto para o vindeiro ano”, destacou Fernández ao tempo que lembrou que se conxelará o IBI e que se baixarán as taxas por ocupación de vía pública. A desaparición das bonificación para a instalación de empresas sen uso definido e a creación dunha bonificiación do 50% á instalación e á ampliación de explotacións leiteiras son outras das modificacións que contempla este proxecto.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a última sesión da Xunta de Goberno |Descargar mp3

Noticias relacionadas