O Concello retira do Miño troncos e árbores á altura da ETAP

Estes traballos realízanse todos os anos aproveitando o verán para limpar o azud que regula o caudal necesario para o abastecemento de auga da cidade

Xoves, 27 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello acometeu este xoves os traballos para retirar do Miño á altura da ETAP troncos e árbores que obstaculizaban o azud que regula o caudal necesario para o abastecemento de auga da cidade. As tarefas, que se levan a cabo todos os anos aproveitando a época estival, desenvolvéronse entre as 9.00 e as 11.30 horas, dúas horas e media nas que foi preciso cortar ao tráfico a ponte sobre o río.

Os usuarios da vía, principalmente das parroquias de Adai e Meilán, tiveron alternativas para poder cruzar o río, ben pola ponte de Ombreiro, a da Nacional 540 e a ponte branca, que enlaza a N-VI coa estrada de Portomarín e a estrada vella de Santiago, en San Lázaro.

Nos traballos, coordinados pola Concellería de Infraestruturas Urbanas e Protección Civil, interviñeron a Policía Local para a ordenación do tráfico, persoal de salvamento e socorrismo acuático para extraer as árbores do río, persoal voluntario de Protección Civil para a corta dos troncos, e un camión grúa para o seu izado.

Noticias relacionadas