O Concello vai instalar catro bambáns especiais nos parques infantís de Lugo

Os primeiros bambáns adaptados para que poidan gozar deles os nenos con problemas de mobilidade poranse no parque Rosalía de Castro, Praza Roxa, Augas Férreas e Milagrosa

Venres, 08 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, que dirixe Luis Álvarez, vai instalar catro cadeiras especiais para que os nenos con problemas de discapacidade poidan gozar dos bambáns nos parques infantís de Lugo.

Os primeiros bambáns adaptados vanse poñer nas zonas de xogos infantís existentes no parque Rosalía de Castro, Praza Roxa (Fingoi), Augas Férreas e Milagrosa (Frigsa).

A Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente dedica unha partida de 3.905 euros á compra destes asentos especiais.

A instalación destes bambáns adaptados comezará en breve, unha vez que foi aprobada a compra hoxe pola Xunta de Compras.

A Xunta de Compras tamén autorizou a realización de diversos arranxos no Fogar do Transeúnte, nos que se van investir 21.513 euros, co obxectivo de mellorar a habitabilidade, confort e hixiene destas instalacións municipais.

As obras que se van realizar consisten no pintado de paredes e teitos da cociña, aseos, corredor, habitacións, almacén, sala de estar e oficina;  a renovación de solados do comedor, dormitorios e sala, nos que se instalarán lousas de vinilo; o esmaltado de portas, a reparación dunha fiestra e a instalación de zócalo cerámico na entrada lateral e o comedor.

Noticias relacionadas