O Concello validará mañá tres estudos de detalle para impulsar a rexeneración do Centro Histórico e o crecemento industrial no Parque Empresarial das Gándaras

A Corporación municipal autorizará no Pleno as modificacións do Planeamento que posibilitarán a agregación de parcelas nas rúas San Froilán e Praza Maior, co obxecto de favorecer o desenvolvemento de proxectos urbanísticos.

A tramitación dos tres procedementos, xunto ao da Casa Torre, súmase ao traballo desenvolto pola área de Sostibilidade Urbana nos últimos meses, alén da resolución de licenzas e de títulos habilitantes.

Mércores, 25 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello validará mañá tres estudos de detalle para impulsar a rexeneración do Centro Histórico e o crecemento industrial no Parque Empresarial das Gándaras

O Concello de Lugo aprobaráeste xoves, durante a celebración do Pleno ordinario correspondente á sesión do mes de maio, tres estudos de detalle para diferentes puntos da cidade que posibilitarán o desenvolvemento de importantes actuacións por parte de promotores particulares.

Entre eles, figura o previstona rúa San Froilán que permitirá agregar as parcelas número 18 e 20, próximas á Porta de San Fernando e á Praza do Ferrol, nas que apareceron numerosos vestixios relacionados cunha olería.

Precisamente o achado obrigou a realizar un proxecto de escavación arqueolóxica nos terreos, onde se detectou un importante conxunto con dous fornos e estruturas anexas, repertorio da produción cerámica e outros elementos desta actividade, como unha impresionante roda de oleiro. Unha relevante aparición, localizada nos patios traseiros entre os edificios e a Muralla e que, segundo o informe do Servizo de Arqueoloxía, merece ser conservado e, na medida do posible, integrado nas futuras instalacións para as que se anunciou un complexo hoteleiro – con restaurante incluído - de catro plantas e soto reservado para estacionamento”, explicou a tenenta de alcaldesa, Paula Alvarellos.

A concelleira sinalou tamén que a súa aprobación permitirá agora avanzar na construción segundo a iniciativa privada, o mesmo que ocorrerá para o proxecto deseñado na Praza Maior onde a validación, este xoves, do estudo de detalle para a agregación de dúas parcelas, adxacente unha delas á rúa Doutor Castro, favorecerá a rehabilitación de dous inmobles contiguos para os que tamén se contempla unha mellora da súa accesibilidade.

Paula Alvarellos avanzou, igualmente, que a Corporación autorizará mañá outra modificación do Planeamento para proceder aun cambio de ordenación noutra parcela do Parque Empresarial das Gándaras que se traducirá na construción dun novo volume orientado á produción enerxética baixo parámetros de sostibilidade, en consonancia coas liñas de actuación contempladas no modelo de cidade que está a seguir Lugo e na transformación do municipio que lidera a alcaldesa Lara Méndez.

Estas autorizacións sucédense logo de que, trala respectiva exposición pública dos procesos, non se presentaran reclamacións nin alegacións ao respecto e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural houbera emitido o seu informe sectorial con carácter favorable”, aclarou a edil.

A tramitación obriga agora á publicación do acordo de aprobación definitiva no DOG, no prazo dun mes dende a súa adopción e á remisión dun exemplar dos documentos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento co fin de que os acordos teñan eficacia.

Aabordaxe destes tres procedementos – lembrou Alvarellos Fondo – se suma ao traballo desenvolto pola área de Sostibilidade Urbana nos últimos meses, xunto ao relativo ao da Casa Torre e que permitirá tamén a recuperación desta edificación, alén da resolución de licenzas e do outorgamento do resto de títulos habilitantes que concede a Administración local”.

Audio

Noticias relacionadas