O Concello de Lugo amañecía no día de hoxe cunha avaría nos dous diferenciais dos servidores que hai no Edificio do Seminario, que dan servizo ás dependencias municipais, incidencia provocada tras o corte de luz que houbo ás 2.30 horas da madrugada en toda a cidade.
Os servizos informáticos levan toda a mañá traballando para restablecer o servizo. Nestas labores deuse prioridade tanto á sede electrónica como ao rexistro municipal, que están xa funcionar, pero o resto dos servizos aínda están a dar problemas.
O corte de luz xeral tamén obrigou a organizar de madrugada un dispositivo de seguridade con patrullas da Policía Local de Lugo e a Policía Nacional, totalmente coordinadas para evitar actos delictivos e garantir a seguridade cidadá.
Dende o Concello lamentan as molestias que dita avaría puidera causar aos veciños e veciñas afectados no día de hoxe para realizar trámites presenciais ou online tanto na Casa Consistorial como no Seminario.