O equipo de Goberno aborda as débedas históricas coa cidade nunha reunión de seguimento do acordo programático

Tras o encontro, a alcaldesa Paula Alvarellos valorou o labor desenvolvido conxuntamente desde o inicio do mandato e os avances nun modelo de cidade sostible cunha proxección netamente social.

“Continuamos a esixir á Xunta a construción de viveda pública, a mellora de servizos como a sanidade ou a educación, o cumprimento do Plan Paradai, o desbloqueo da zona pública de baño ou a rehabilitación integral do barrio da Tinería”, afirmou Alvarellos.

O tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, afirmou que "nos últimos anos desde o Goberno de Lugo traballamos para mellorar a imaxe do centro da cidade, pero seguimos a ver como a zona da Tinería continúa a estar nun estado de total abandono".

Luns, 29 de xaneiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O equipo de Goberno aborda as débedas históricas coa cidade nunha reunión de seguimento do acordo programático

O equipo de Goberno mantivo esta mañá unha reunión de seguimento do acordo programático para o mandato 2023-2027 na que evalou os avances no proxecto de cidade e expuxéronse os retos de futuro. Na xuntanza,  que se desenvolveu dentro da máxima cordialidade e cun espíritu colaborativo, participou a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, así como a portavoz municipal, Ana González Abelleira, e os concelleiro Miguel Fernández e Mauricio Repetto como representantes socialistas. Por parte do BNG estiveron presentes o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, e os concelleiros Alexandre Penas e Cristina López. O documento, aprobado en xuño do pasado ano, inclúe as liñas estratéxicas do executivo para impulsar os servizos municipais e dar respostas aos grandes retos do municipio nos eidos da gobernanza, o urbanismo, o medio ambiente, as infraestruturas, a cultura, a economía, o turismo, o medio rural e o deporte, así como as políticas sociais.

Entre os asuntos abordados, tratouse o cronograma de execución dos orzamentos municpias, as necesidades de persoal ou o progreso de proxectos como a creación da Zona de Baixas Emisións no centro histórico coa peonalización integral intramurallas. Tamén se tratou a mellora das conexións entre a contorna fluvial e a trama urbana no contexto da estarexia Muramiñae, a dinamización da economía dos barrios ou o grao de implantación da iniciativa Lugo Transforma.

Durante a xuntanza, o equipo de Goberno tamén abordou as débedas históricas coa cidade. “Continuamos a esixir á Xunta de Galicia a construción de viveda pública na cidade, a mellora dos servizos públicos como a sanidade e a educación, o cumprimento do Plan Paradai, o desbloqueo da zona pública de baño ou a rehabilitación integral do barrio da Tinería”, prosegiu Alvarellos. “Tamén seguimos a reivindicar as conexións por ferrocarril do municipio, tras o gran avance conseguido en relación a Estación Intermodal; e insistiremos en que se cumpran os prazos para mellorar as comunicacións do municipio co obxectivo de aportar competitividade ao noso tecido produtivo”, subliñou.

Finalmente, a alcaldesa Alvarellos valorou o labor desenvolvido conxuntamente desde o inicio do mandato. “Facemos un balance positivo destes primeiros oito meses de traballo. Seguimos a impulsar o modelo de cidade sostible desenvolvido nos últimos anos, poñendo en marcha actuacións cunha clara proxección social e continuamos avanzado nunha trasformación urbana que vira cara unha mobilidade alternativa  e a mellora da calidade de vida coa renaturalización dos espazos públicos, ao tempo que potenciamos un modelo produtivo ligado á economía verde co obxectivo de reter e atraer talento e crear emprego de calidade”, sinalou.

Pola súa parte, o tenente de alcaldesa, Ruben Arroxo, sinalou que "mentres que desde as diferentes tenencias de alcaldía e as concellerias traballamos para mellorar a cidade, vemos como a Xunta de Galiza segue a abandonar á veciñanza de Lugo". Dende as áreas xestionadas polo BNG púxose como exemplo o barrio da Tinería, "un proxecto abandonado polo PP ao chegar a Xunta que foi galardoado con premios á nivel internacional cando se comezou a executar".

Asimesmo, Arroxo afirmou que "nos últimos anos desde o Goberno de Lugo traballamos para mellorar a imaxe do centro da cidade, pero seguimos a ver como a zona da Tinería continúa a estar nun estado de total abandono".  "Desde o Goberno de Lugo continúanos a traballar nun proxecto de cidade claro e ambicioso", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "seguiremos para mellorar e transformar a cidade, facendo de Lugo un lugar mellor, cumprindo co mandato da veciñanza das últimas eleccións municipais", concluíu.

Audio

 

Noticias relacionadas