O escritor Álex Alonso será o protagonista da última cata literaria desta tempada no MIHL

A sesión celebrarase o xoves 9 de xullo, ás 20:00 horas. Todos os interesados poden mercar xa a súa entrada por un prezo de 5 euros na Oficina Municipal de Turismo e no propio MIHL

Venres, 03 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O escritor Álex Alonso será o protagonista da sexta cata literaria do Museo Interactivo da Historia (MIHL) o vindeiro xoves, 9 de xullo, ás 20:00 horas. Así o anunciou este venres a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen subliñou que “se trata dun autor galego, que foi Premio de narrativa curta Ánxel Fole do Concello de Lugo con Tempos de bebidas isotónicas e fast-food”. Este escritor foi mención especial do xurado en 2003 no XII Certame Manuel Murguía de narracións breves pola obra Estremonías, gañador en 2010 do VI Certame de relatos de muller Matilde Bares por Xénero imperfecto.

Carmen Basadre avanzou que todos os interesados poden mercar a súa entrada por 5 euros na Oficina Municipal de Turismo, de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas, e no propio MIHL, de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas.

Nesta cata literaria, ao igual que as cinco anteriores, tamén haberá gastronomía lucense acompañada de viño da Ribeira Sacra. Ademais, durante todos os eventos, un grupo de música de Lugo acompañará aos asistentes. O xoves, as tapas correrán a cargo do Restaurante Manuel Manuel, e a música, do dúo Os Sonantes, con Cristina Nogueira ao violonchelo e Fernán Gómez á guitarra.

Como en anteriores ocasións, as librerías da cidade porán á disposición dos asistentes no MIHL a bibliografía do escritor protagonista para que os asistentes poidan mercalos e os asine o propio autor.

Audio

Noticias relacionadas