O espírito de Forges entregará o I Premio Post Mortem do Festival da Retranca

O personaxe gañador, da máxima relevancia para Lugo, non se dará a coñecer ata o martes

Antonio Fraguas non quixo perderse a gran cita co humor que se celebrará do 6 ao 12 de abril e fará os honores por videoconferencia. In situ si estarán, entre outros moitos, o escritor Fernando Schwartz, o cineasta José Luis Cuerda, o humorista Róber Bodegas e os actores Sergio Pazos e Carlos Blanco, por citarmos só algúns

Mércores, 01 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O mestre do humor intelixente, Antonio Fraguas, Forges, participará en espírito no I Festival Internacional de Literatura e Arte con Retranca que terá lugar en Lugo entre os días 6 e 12 de abril. Malia que por motivos persoais non pode desprazarse á cidade da Muralla, Forges non quixo perderse a cita, e daquela asistirá virtualmente ao evento. Será, en concreto, o martes día 7, data prevista para a entrega do I Premio Post Mortem do Festival da Retranca. Concedido a unha personaxe da máxima relevancia para Lugo, obviamente xa falecida, o nome do afortunado ou afortunada non será feito público ata o propio martes, ás 21.30 horas, momento en que Forges, a través de videoconferencia, “lle entregará” o galardón no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), epicentro do foro.

A presenza virtual de Forges súmase á de outros moitos persoeiros coñecidos, dende escritores, artistas e humoristas ata monicrequeiros, músicos e actores, que si participarán en vivo. O Festival da Retranca poboará Lugo durante unha semana de actividades multiculturais cun denominador común, poñer en valor ese “xeito de defensa léxica” que, ao dicir do propio Antonio Fraguas, supón a retranca. Esa mestura de ironía, sentido duplo, sarcasmo e surrealismo, co que enfrontan decote a vida os galegos, disque a medio camiño entre a flegma británica e mais a socarronería española.

Polo Museo Interactivo da Historia desfilarán do 6 al 12 de abril convidados coma o escritor Fernando Schwartz, o cineasta José Luis Cuerda, o humorista Róber Bodegas e mais os actores Sergio Pazos e Carlos Blanco. Na listaxe figuran outros nomes de primeira fila: os escritores Manel Loureiro, Pedro Feijoo, Jerónimo Tristante e Manuel Avilés; os humoristas Laureano Márquez, considerado un dos mellores do mundo; Tony Antonio e Tony Melero; os músicos Los Gandules, Impresenteibols e José Córdoba “El Chivi”; os artífices de Titirimundi, Jaime Santos, José Antonio López Parreño e Julio Michel; os artistas Antonio Sobral e o “perversionista” Luis Nieto; o mago Rafa ou os xornalistas Xosé Manuel Pereiro e Camilo Franco.

Acotío, de dous en dous, e baixo o formato de entrevista-debate, os convidados departirán no MIHL sobre asuntos tan aquelados á ocasión coma a seriedade do humor ou a vida conxugal, ou confrontarán a mofa e o terror, por exemplo. A retranca tamén tomará a cidade en forma de espectáculos improvisados ou concertos musicais en prazas e recantos singulares.

Organizado pola Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, o Festival disporá da súa propia beberaxe, a “Retrancus”, “posiblemente a peor cervexa do mundo (ou non)”, pero artesanal, e para picar, as tapas ad hoc que servirán aqueles establecementos “con bo humor garantido”. Haberá asemade unha Carpa das Letras Retranqueiras, na que participarán gran parte das librarías luguesas e na que os convidados ao Festival asinarán exemplares das súas obras durante toda a semana. Sen esquecermos dos voos que sobrevoarán a muralla, as Xornadas de Alta Gastronomía con Retranca, ou mesmo as exposicións autoxestionadas... A Concellería, por riba, habilitará un servizo gratuíto de bus para ir e volver do MIHL.

Noticias relacionadas

Directorio