O Executivo de Lara Méndez aproba o proxecto de parcelación das vivendas da Croa para proceder á súa regularización definitiva

A Xunta de Goberno autorizará mañá o trámite e trasladará a documentación ao Rexistro da Propiedade para que verifique a transposición dos soares resultantes.

A súa certificación será o paso que permita rexistrar os predios a nome do Concello para transmitirllas aos seus derradeiros titulares.

Martes, 07 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez aproba o proxecto de parcelación das vivendas da Croa para proceder á súa regularización definitiva

O Executivo de Lara Méndez aprobará este mércores o proxecto de parcelación dos bens municipais dos que o Concello dispón na Croa.

Un procedemento, impulsado pola alcaldesa xa durante o anterior mandato, que ten por obxectivo poder entregar ás familias que ocupan as 15 vivendas desta urbanización as escrituras das mesmas, despois de varias décadas paralizado e que Méndez conseguiu desbloquear.

Esta mañá, a rexedora explicou que, toda vez que varias edificacións deshabitadas que ocupaban os terreos foron xa demolidas, se reurbanizou a zona e se elaborou o proxecto de reparcelamento dos terreos, “cómpre agora autorizar esa documentación en Xunta de Goberno e darlle traslado da mesma ao Rexistro da Propiedade para que poida realizar as comprobacións oportunas e verificar a transposición correcta dos predios antes de darlle o visto bo definitivo para rexistrar as parcelas resultantes a nome da Administración local”.

“Será entón cando, a todos os efectos, poidan ser obxecto de transmisión aos seus titulares derradeiros”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa lembrou que a Institución municipal realizou no anterior exercicio un investimento de 36.728 euros para eliminar unhas pequenas construcións sen uso e crear unha zona libre dunha extensión aproximada de 1.900 m², entre áreas verdes e dotacionais que mellorarán a contorna e propiciarán o seu uso por parte da cidadanía.

Traballos que sucederon a outras tarefas previas e necesarias como a elaboración dun estudo topográfico, a validación catastral e a prospección arqueolóxica da extensión afectada, debido á súa proximidade ao xacemento do Castro de A Croa.

“Desbloqueamos así unha xestión que durante moito tempo quedou nunha sorte de limbo administrativo e que dilatou o que este Goberno considera unha prioridade: dar cumprimento a unha débeda institucional para coas persoas titulares destes inmobles, aos que, unha vez máis, lles quero agradecer a súa infinita paciencia, aportándolles tranquilidade e seguridade despois de tantos anos de incerteza”, concluíu a rexedora.

Periplo administrativo

O núcleo residencial de A Croa tivo a súa orixe no ano 1992, na etapa de Goberno do Partido Popular no Concello, como un proxecto de construción de vivendas no marco dun plan para erradicar o chabolismo. Foi nese momento cando se asinou un acordo de cooperación entre o Concello e o IGVS para sacar adiante a iniciativa e, en 1995, concedeuse a licenza de construción. No 2008, o Concello solicitou a inscrición da parcela na que se sitúan os inmobles no Rexistro da Propiedade, e tralo pulo dado ao procedemento polo Executivo de Lara Méndez, foi no ano 2016 cando se formalizou a inscrición dos mesmos no Rexistro, que este organismo remitiu á entidade local en xuño de 2017.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a aprobación do proxecto de parcelamento na Croa | Descargar mp3

Noticias relacionadas