O Executivo de Lara Méndez cede as instalacións deportivas municipais para acoller as competicións federadas de baloncesto ata que se remate a mellora do Anexo

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, anunciou esta mañá tras reunirse co delegado territorial da FGB que a sede dos encontros será o Polideportivo Municipal de Frigsa.

O Goberno local realizará un axuste horario do persoal para encargarse do correcto funcionamento da instalación na franxa en que se celebren partidos durante a fin de semana. 

Mércores, 25 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez cede as instalacións deportivas municipais para acoller as competicións federadas de baloncesto ata que se remate a mellora do Anexo

O Executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Deportes que dirixe Jorge Bustos, pon a disposición da Federación Galega de Baloncesto o Polideportivo Municipal de Frigsa para acoller as competicións federadas de baloncesto tanto en canto duren os traballos de mellora do Anexo ao Pazo Universitario dos Deportes. Así o anunciou esta mañá o edil, tras manter un encontro co responsable territorial da FGB onde ambos aproveitaron para supervisar as pistas de xogo cedidas polo Concello. “Desde o Goberno local queremos garantir que as competicións das diferentes categorías do baloncesto galego que se celebran na nosa cidade poidan continuar con normalidade o tempo que duren os traballos de renovación da actual sede”, asegurou.

Esta iniciativa tómase tras a petición expresa da Delegación provincial da FGB. “ Poxémonos a disposición do baloncesto lucense desde o primeiro momento e, froito deste ofrecemento, trasladáronos esta solicitude na que nos puxemos a traballar de inmediato. A previsión é que se celebren en Frigsa todas das xornadas ata o vindeiro 12 de novembro sen descartar que a cesión teña que prolongarse polas necesidades que xurdan na remodelación do Anexo”, sinalou o concelleiro.

Os partidos disputaranse os domingo en horario de tarde, desde as 17 horas ata as 21 horas. “Esta ampliación do calendario supón un axuste horario do persoal para pór a instalación a disposición da Delegación da Federación Galega de Baloncesto y os seus equipos de xeito que se poida desenvolver o calendario competitivo previsto”, concluíu Bustos.

Noticias relacionadas