O Executivo de Lara Méndez dá un novo paso para construír a Estación Intermodal aprobando en Pleno a modificación puntual do PXOM

 O Goberno local elevará á sesión de febreiro a variación non substancial do Plan Xeral para excluír o edificio de Correos do Catálogo de Protección.

O inmoble da Estación de Tren, que se manterá, é anterior a 1893 e o de Correos posterior a 1977, polo que non debe ser obxecto da mesma salvagarda.

O cambio de criterio da Xunta, que inicialmente autorizaba a corrección do erro pola vía interpretativa, dilatou varios meses o procedemento.

A rexedora pediu “dilixencia para materializar unha dotación tan necesaria como demandada que fortalecerá a presenza do municipio no mapa ferroviario do país”.

Luns, 14 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez dá un novo paso para construír a Estación Intermodal aprobando en Pleno a modificación puntual do PXOM

O Executivo de Lara Méndez procederá este mes de febreiro á aprobación inicial da modificación puntual 03, non substancial, do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para acadar a descatalogación do Edificio de Correos, sito ao carón da actual estación do Ferrocarril, logo de que a Xunta de Goberno dera a súa conformidade, en decembro, ao proxecto técnico elaborado polo Servizo de Arquitectura que recollía os cambios a realizar no ámbito territorial da ficha L-m53 do Catálogo de Protección do PXOM no que, de forma errónea, se atopaba incluído o devandito inmoble.

O trámite supón avanzar na materialización, por parte do Concello, das competencias que este tiña asignadas no protocolo de colaboración que mantén coa Xunta de Galicia e o ADIF para posibilitar a construción da Estación Intermodal de Lugo. “Unha infraestrutura tan necesaria como demandada” e que a rexedora, Lara Méndez, recuperou para o debate e a acción política xa durante o pasado mandato.

Pese a que resultaba notorio que a similar catalogación dos dous inmobles obedecía a un erro - xa que entre o da Estación (anterior a 1893) e o de Correos (posterior a 1977) dista case un século - a Xunta mudou de opinión opoñéndose a acelerar a súa corrección pola vía interpretativa, inicialmente acordada, e impedindo que a emenda se alcanzara coa aprobación dun informe de interpretación de interese público. Un cambio de criterio contrario á simplificación da tramitación e que dilatou o procedemento considerablemente.

A alcaldesa explicou que, logo deste traspés e tras recibir o informe favorable do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias ao proxecto elaborado polo Concello, a modificación deberá ser validada agora polo Pleno para, a continuación, someterse a exposición pública polo prazo dun mes, periodo tralo cal – así como da resolución das posibles alegacións que se presenten - o expediente será remitido á Consellería de Urbanismo para que emita informe vinculante.

En caso de ser positivo, a Administración local procederá á súa aprobación definitiva coa posterior publicación do acordo no DOG e á remisión dun exemplar do PXOM coa modificación puntual xa incorporada á Consellería de Medio Ambiente para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, paso imprescindible e definitivo para darlle eficacia ao acordo.

Lara Méndez lembrou que, acolléndose ás indicacións realizadas dende Patrimonio Cultural para a redacción do proxecto, o equipo técnico revisou a contorna de protección do edificio da estación do ferrocarril e estableceu os condicionantes necesarios tanto para a salvagarda do ben protexido como da devandita contorna, sen que isto supuxera a cualificación do mesmo como ben catalogado.

“Ao tratarse dunha modificación non substancial, que non constitúe unha variación fundamental da estratexia e directrices vixentes no Plan Xeral e non produce diferenzas no efectos previstos ou na súa zona de influencia, puido acollerse á tramitación simplificada, quedando eximida do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, segundo determinou a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora lucense apelou ao cumprimento dos compromisos anunciados polos organismos públicos para materializar a dotación e quixo destacar a importancia de axilizar todo o posible o procedemento “para que Lugo poida contar o máis axiña posible cunha infraestrutura que resulta vital para incrementar a nosa competitividade e conectividade co resto do país”, concluíu Méndez.

Noticias relacionadas