O Goberno acorda cos colexios profesionais e asociacións da construcción medidas para axilizar as licenzas de obra maior

Venres, 11 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno acorda cos colexios profesionais e asociacións da construcción medidas para axilizar as licenzas de obra maior

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, mantivo na mañá deste venres no Edificio de Novas Tecnoloxías unha reunión con representantes dos colexios profesionais de arquitectos, aparelladores e enxeñeiros, e de asociacións vinculadas ao sector da construción nas que abordaron e acordaron unha serie de medidas encamiñadas a axilizar a tramitación e concesión de licenzas de obra maior, pois, como subliñou Piñeiro, as menores e as de actividade estanse a conceder en prazo.

O edil explicoulles aos asistentes que neste mandato o Concello reforzou o servizo municipal de Arquitectura cunha técnica máis, co que hoxe son sete no departamento, aínda que non todos están destinados especificamente á informar licenzas, senón todos os procedementos urbanísticos do Concello. Neste senso, Piñeiro destacou que nos últimos dous anos reactiváronse instrumentos de planeamento na cidade, hasta 9, o que fixo aumentar a carga de traballo de Arquitectura. Tamén neste mandato, incorporouse unha enxeñeira técnico agrícola, que atende a Oficina de Asuntos do Rural (creada por este Goberno en cumprimento dun acordo plenario e dun compromiso programático) e que informa as licenzas da zona rural.

En canto ás medidas acordadas cos colexios profesionais e as asociacións empresariais na reunión de hoxe, son as seguintes:

  • Incorporación ao Concello a curto prazo de dous técnicos que se ocuparán en exclusiva de tramitar licenzas atrasadas.
  • Continuar dando prioridade aos proxectos con subvención (instalación de ascensores e caldeiras, entre outros) e aos de edificios con medidas de eficiencia enerxética e sostibilidade ambiental.
  • Aplicación inmediata do decreto autonómico 144/2016 que aproba o regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, que permite a axilización dos proxectos de actividade e de obras e actividade que conten coa certificación dunha ECCOM (Entidade de Certificación de Conformidade Municipal)
  • A reducción do horario de consultas ofrecido polos técnicos do servizo municipal de Arquitectura, pasando de atender tres días a un, en horario de 11:00 a 14.30h.
  • Fixar un novo encontro para dentro de 15 días co fin de estudar un mecanismo para que os colexios profesionais poidan facer un denominado “visado de calidade” dos proxectos, isto é, ir máis alá do estritamente establecido nos visados, revisando con maior profundidade a documentación, co fin de que os técnicos municipais poidan logo ser máis áxiles na avaliación da mesma e informar máis rápido.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible precisou que, aínda habendo un atraso en licenzas de obra maior, “que recoñecemos e que estamos tratando de solucionar, aínda que tampouco é nada alleo a outra grandes cidades de Galicia”, os datos constatan que a situación non é “para nada catastrófica”: Das 562 licenzas rexistradas durante o ano 2017 e no que vai de 2018, o 89% (un total de 500) foron avaliadas, ou ben resoltas (440) de maneira afirmativa ou negativa, ou ben revisadas e con deficiencias (60).

Noticias relacionadas