O Goberno aproba liñas de axuda por 43.000€ para asociacións de servizos sociais e o bono-taxi

Arranca o Lugo Smart City, un programa dotado con 4,1M€, o 60% financiado con fondos europeos, co que o Concello avanzará na implantación da administración electrónica e a xestión sostible e eficiente de servizos públicos como a recollida de lixo ou o alumeado

Mércores, 10 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a convocatoria de dúas liñas de axudas en materia social que suman máis de 43.000 euros. Trátase dos programas de axudas para persoas con discapacidade física e afectadas por graves dificultades de mobilidade que teñan que facer uso de taxi adaptado, o denominado bono-taxi, para o que o Concello destina 5.000 euros, e subvencións a asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo programas e actividades e para o mantemento e conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que se levan a cabo estas actividades, por 38.000 euros.

Estas axudas forman parte do esforzo económico que fai en políticas sociais o Goberno, eido ao que destina 23M€, o que supón o 24% do Orzamento anual, co fin de garantir o benestar e a igualdade de oportunidades.

O Goberno tamén aprobou na reunión de hoxe arrancar o programa Lugo Smart City unha vez que a execución do mesmo foi adxudicado á UTE formada por Indra, Altia e R. Este plan, que acadou o Goberno de Lara Méndez na convocatoria de fondos europeos, está dotado con 4,1M€, o 60% achegados polo FEDER, e ten como obxectivo avanzar na implantación da administración electrónica, así como na xestión sostible e eficiente dos servizos públicos aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías. As medidas a levar a cabo neste senso pasan, por exemplo, pola xestión intelixente do aparcamento (instalando sensores inalámbricos que detectan prazas libres), do servizo de recollida de lixo (con sensores de almacenamento nos contadores), do alumeado público (coa regulación do fluxo lumínico a través de dispositivos de control) ou dos contadores de auga (coa lectura e supervisión a través de sistemas GPRS ou 3G).

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou reiniciar o procedemento de licitación do servizo de vixilancia do centro socioultural O Vello Cárcere aprobando uns novos pregos segundo os criterios establecidos nunha resolución ditada ao respecto polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, a raíz dun recurso presentado por unha das empresas que concorreu ao anterior procedemento. O Concello publicará o anuncio da nova licitación no Perfil do Contratante. O contrato terá unha vixencia de un ano, prorrogable por outros catro, cun importe anual de 115.000€ (IVE incluído).

Noticias relacionadas