O goberno de Lara Méndez abonou desde marzo case 8’5 millóns de euros aos provedores municipais para inxectarlles liquidez

Dende que se decretou o Estado de Alarma, a área de Gobernanza do Concello de Lugo axilizou o pago de más 2.400 facturas pendentes

Liquidou tamén partidas cuantiosas como as axudas ao alugueiro ou a reposición dos anticipos de caixa para que Benestar atendese con inmediatez á emerxencia social

A administración local habilitou fórmulas de teletraballo para favorecer a medida, posibilitada pola recente incorporación de 22 millóns de euros en remanentes

Martes, 07 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez abonou desde marzo case 8’5 millóns de euros aos provedores municipais para inxectarlles liquidez

O goberno de Lara Méndez abonou, durante o pasado mes de marzo 7’7 millóns de euros aos provedores municipais. En total, 2.184 facturas que se tramitaron dende o departamento económico do Concello baixo a premisa de despachar coa máxima dilixencia os pagos pendentes. 

“Unha das prioridades que establecemos ao inicio desta crise sanitaria foi evitar ao tecido produtivo local un sufrimento engadido ás consecuencias derivadas do confinamento e inxectarlles liquidez. Deste xeito, puxemos á disposición máis de 22 millóns de euros en remanentes a finais de marzo para acelerar a liquidación dos compromisos de gasto adquiridos pola administración local e que aínda non foran materializados”, explicou a alcaldesa.

Así, o executivo local habilitou nas primeiras xornadas do Estado de Alerta ferramentas de teletraballo que permitiron ás e aos empregados da área de Gobernanza, que dirixe a concelleira Paula Alvarellos, axilizar o pagamento de obras e servizos prestados, así como de materiais adquiridos e subministros enerxéticos nun curto período de tempo.

“Falamos de que, en poucas semanas e a pesar das circunstancias que estamos a vivir, conseguimos sufragar máis da metade da facturación pendente logo de fixar un horizonte – no que aínda nos mantemos – inferior a dous meses para saldala por completo”, destaca Lara Méndez.

Igualmente, a rexedora explicou que, á marxe destes gastos, o Concello costeou tamén outras partidas cuantiosas como as axudas ao alugueiro, as taxas por anuncios públicos así como a reposición dos anticipos de caixa fixa para que, dende Benestar, se puidera atender con inmediatez á emerxencia social.

“Do mesmo xeito, no mes de marzo procedemos a ingresar a subvención nominativa a favor da Sociedade Protectora de Animais e Plantas que alcanzou os 105.000 euros sen descoidar os gastos relativos ao persoal municipal que supera o millón e medio”, engadiu Méndez.

A alcaldesa de Lugo sinalou, ademais que, no que vai de abril a institución fixo fronte a 231 facturas por un importe de 692.695’80€ á espera de que se vaian xirando os recibos dos contratos que están en vigor.

“Podemos dicir que, neste intre a balanza dos pagos realizados supera a dos que agardan para efectivizarse pero, en calquera caso, é a nosa vontade e tamén o noso compromiso que todos eles queden resoltos antes de maio. A nosa prioridade é que o empresariado local atope na administración municipal a un dos seus principais aliados para superar, xuntos, os efectos financeiros da pandemia”.

Audio

  • A alcadelsa Lara Méndez, sobre o pago da facturación | Descargar mp3

Noticias relacionadas