O Goberno de Lara Méndez fomentará as compras de proximidade durante a campaña de rebaixas co movemento Localmente Lucense

As persoas que presenten un ticket dalgún dos establecementos adheridos, a partir de mañá, recibirán un agasallo e participarán no sorteo de diferentes premios.

Lara Méndez: “Debemos aproveitar esta época de compras, con motivo das rebaixas de inverno, para apoiar aos nosos comercios e establecementos de proximidade”.

Instalaranse stands nos diferentes barrios da cidade e habilitarase un local na Tinería, onde os cidadáns poderán sumarse a este movemento cidadá, impulsado pola alcaldesa

Mércores, 12 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lara Méndez fomentará as compras nos establecementos de proximidade da cidade durante a campaña de rebaixas a través do movemento ‘Localmente Lucense’. Este proxecto, impulsado pola alcaldesa cun investimento dun millón de euros, busca impulsar a economía dos barrios de Lugo, a través de fortalecer e incentivar a compra nos comercios e na hostalería locais. Con este fin, todas as persoas que presenten un ticket dalgún dos establecementos adheridos recibirán un agasallo e participarán no sorteo de diferentes premios.

Neste senso, a rexedora subliñou que “debemos aproveitar esta época de compras, con motivo das rebaixas de inverno, para apoiar aos nosos comercios e establecementos de proximidade, pois as pequenas empresas son a columna vertebral da nosa economía; mercando no comercio local estamos axudando aos nosos veciños e contribuíndo ao benestar de todos”.

Así mesmo, Lara Méndez resaltou a boa acollida que está a ter a iniciativa #LocalmenteLucense pois “nestas primeiras semanas xa se adheriron máis de 320 establecementos de toda a cidade e a previsión é que se sigan sumando conforme se vaian poñendo en marcha as diferentes actuacións da campaña, que durará todo o ano 2022 e combinará unha ampla oferta de lecer e entretemento por barrios con formación específica e asesoramento dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten máis atractivos”.

Para impulsar este proxecto, a cidade foi dividida en cinco agrupacións por barrios, cada unha coa súa identidade propia. Con motivo da campaña de rebaixas, do 20 ao 31 de xaneiro instalaranse stands en cada unha das agrupacións e habilitarase un local na Tinería, onde os cidadáns, presentando un ticket de compra ou consumición mínima de 5 euros, con data dende o 13 ata o 31 de xaneiro, dalgún dos establecementos participantes, recibirán como agasallo unha bolsa reutilizable co deseño #LocalmenteLucense.

A maiores, rexistrándose na web (https://localmentelucense.gal/) poderán participar nunha ruleta da fortuna que, mediante un pulsador, adxudicará un premio seguro, desde chapas e adhesivos a 250 experiencias (50 en cada zona) que consisten en lotes de produtos ou servizos ofrecidos polos locais asociados ao movemento (comidas, roteiros de tapas, experiencias de saúde e benestar, beleza e estética, etc.).

As ubicacións nas que se instalarán os stands, do 20 ao 31 de xaneiro, en horario de 10:00 a 14:00 horas en xornada de mañá, e de 16:00 a 20:00 horas pola tarde, son os seguintes:

Zona norte:

- Avenida da Coruña (Frente al Parque da Milagrosa)

- Camiño Real (Cruce con Rúa Esquecemento)

Zona sur:

- Praza Mártires de Carral

- Praza do Rei

Zona este:

- Rúa Ourense (Cruce con Rúa Lamas de Prado, Rúa dos Gardas y Rúa Quiroga)

- Ponte Vella de Lugo

Zona oeste:

- Rúa Doutor Rafael de Vega (cruce con rúa Montero Ríos)

- Ronda das Fontiñas (Cruce con Rúa San Xillao)

Zona centro:

- C1 - Vivero de Empresas Rúa Tinería, 36

Campaña online

Paralelamente ás actuacións a pé de rúa, dende o vindeiro luns 17 ata final de mes, tamén se levará a cabo unha campaña informativa online, a través das redes sociais, para sensibilizar e captar novos adheridos ao movemento Localmente Lucense (locais e cidadáns), mediante o sorteo doutras 25 experiencias nos establecementos participantes.

“Deste xeito buscamos, por un lado, seguir dando a coñecer a marca, sensibilizando aos cidadáns sobre as vantaxes de mercar no comercio local, e ao mesmo tempo establecer unha relación de beneficio mutuo entre os consumidores, que poden optar a diferentes premios, e os establecementos que serán os que ofrezan os servizos e productos sorteados”, explicou Lara Méndez.

Audio

 

Noticias relacionadas