O goberno de Lara Méndez lanza unha Guía Práctica do Emprego no Fogar para visibilizar os dereitos dun colectivo feminizado e precario

A edil de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, presentou o documento cos sindicatos UGT e CCOO e o director da Tesourería Xeral da Seguridade Social

A concelleira pon en valor a iniciativa, “coa que queremos impulsar unha contratación responsable e concienciar á poboación sobre as súas condicións laborais”·.

A guía poderase descargar na web municipal e recollerse en papel de forma gratuíta na Casa da Muller.

Mércores, 30 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez lanza unha Guía Práctica do Emprego no Fogar para visibilizar os dereitos dun colectivo feminizado e precario

Coincidindo co Día Internacional das Traballadoras do Fogar, a Concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, presentou hoxe a ‘Guía Práctica do Emprego no Fogar’ que elaborou o Concello co fin de “visibilizar os dereitos dun colectivo moi feminizado e un dos máis vulnerables, desprotexido e con peores condicións laborais do mercado laboral español”.

A edil, que estivo acompañada polos representantes de UGT e CCOO que forman parte do Foro de Participación Cidadá municipal en materia de Igualdade (A CIG escusou a súa asistencia), así como Juan Rodríguez Gude, Director da Tesourería Xeral da Seguridade Social,  explicou que con esta guía “queremos difundir información dun xeito moi práctico, sobre os dereitos laborais das persoas empregadas do fogar, así como os pasos a seguir pola persoa empregadora para unha contratación responsable”.

Neste senso, incidiu. “impulsamos unha campaña en favor dos dereitos das persoas empregadas do fogar que busca sensibilizar á cidadanía sobre as condicións laborais destas persoas, na súa maioría mulleres e migrantes”. 

Silvia Alonso avanzou que esta acción enmárcase dentro do Plan de Igualdade do Concello e das accións feministas impulsadas polo Goberno de Lara Méndez nestes meses.

A concelleira lembrou que, segundo datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, a xaneiro de 2022, en España máis de 380.000 persoas traballaban neste sector. Alonso lembrou que “durante a situación sobrevinda pola pandemia provocada pola Covid-19 a cotización -cando se producía- levábase a cabo no Réxime Especial de Empregadas do Fogar que, entre outras cuestións, non xeraba dereito á prestación por desemprego, abocando ás mulleres traballadoras do fogar que quedaron en situación de desemprego e a un maior risco de pobreza e vulnerabilidade social”.

Á presentación da Guía, tamén asistiu Juan Rodríguez Gude, Director da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo; Ana Pereiro, Secretaría da Muller do Sindicato UXT e Carmen Seoane, Secretaría da Muller do Sindicato CC.OO. ámbalas dúas integrantes do Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade.

Ana Pereiro, Secretaría da Muller do Sindicato UGT, e Carmen Seoane, Secretaría da Muller do Sindicato CC.OO, aproveitaron a ocasión para reivindicar os dereitos das traballadoras do Fogar ao tempo que deron os parabéns pola iniciativa. Pola súa banda Juan Rodríguez Gude, apuntou que “o número de afiliados no sistema especial de empregados do Fogar na provincia de Lugo, no mes de febreiro de 2022, é de preto de 3.000, sendo un 98% mulleres, polo que podemos afirmar que é un colectivo altamente feminizado, tamén racializado e polo tanto máis vulnerable”.

Quen son as persoas traballadoras incluídas no réxime laboral do servizo do fogar, que tarefas profesionais realizan, como debe ser o contrato de traballo, a existencia de período de proba e temas vinculados co salario e as xornadas laborais son algunhas das cuestións que se inclúen na guía.

O documento poderase descargar na web do Concello de Lugo (concellodelugo.gal), e recollerse en papel de forma gratuíta na Casa da Muller (Parque da Milagrosa en horario de 09:00 a 14:00 horas). Faranse ademais accións de rúa para a súa difusión.

Silvia Alonso, finalizou destacando que “dende a Concellería pretendemos con esta programación mostrar o noso compromiso con calquera causa que contribúa a eliminar as desigualdades entre mulleres e homes en calquera ámbito da sociedade”.

Máis info

Audio

  • A concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, sobre a Guía Práctica | Descargar mp3

Multimedia

  • O goberno de Lara Méndez lanza unha Guía Práctica do Emprego no Fogar para visibilizar os dereitos dun colectivo feminizado e precario

Noticias relacionadas