O Goberno local únese ao recoñecemento que a veciñanza lucense rende este ano ao Viaduto da Chanca

A alcaldesa e varios concelleiros participaron hoxe nunha camiñada pola contorna coa que se remomorou a importancia que a chegada do ferrocarril tivo para a dinamización económica do municipio.

Sábado, 12 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno local únese ao recoñecemento que a veciñanza lucense rende este ano ao Viaduto da Chanca

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, participou esta mañá, xunto aos concelleiros Paula Alvarellos, Mauricio Repetto e Silvia Alonso, na camiñada polo barrio da Chanca que organizou a Federación de Asociacións de Veciños.

Cando se cumpren 150 anos do inicio da súa construción, dende a alcaldía estanse a impulsar unha serie de actos para render homenaxe a esta infraestrutura e recoñecer así, publicamente, a importancia que tivo para o desenvolvemento e a dinamización económica do municipio

O percorrido, que comezou ás 11:30 horas, partiu do cruzamento da estrada da Fonsagrada co Paseo do Rato, e discorreu pola contorna onde as persoas asistentes - ao redor dun cento - puideron desfrutar non só da beleza paisaxística do enclave, senón tamén do valor arquitectónico do propio Viaduto.

Foi, concretamente, o 20 de decembro de 1871 cando comezaban as obras desta ponte, unha das mostras máis notables da enxeñería da época da liña férrea do Noroeste.  A súa edificación, que tivo un custo de 2 millóns e medio de reais, supuxo que se acurtase a chegada ao municipio en máis de 8 quilómetros.

Nela traballaron homes e mulleres do barrio, carrexando cestos de area a cambio duns poucos reais, lucenses que contribuíron desta forma a levantar unha obra sen a que non se entendería a historia máis recente de Lugo.

As tarefas para materializalo alongáronse ata o ano 1874, pero non foi até agosto de 1879 cando o primeiro convoi atravesou as súas vías. A apertura da prolongación da liña ata Poboa de San Xulián e Sarria, nos meses de marzo e outubro de 1880, supuxo o inicio da súa andaina ata o día de hoxe que segue en activo.

Ademais de rememorar a pegada histórica do Viaduto da Chanca, a alcaldesa, Lara Méndez aproveitou a andaina para enxalzar a valía cultural e tamén artística desta dotación que estará presente en todo o Estado coa difusión da súa imaxe nun cupón do sorteo da Fundación Once, o vindeiro 7 de decembro.

Multimedia

  • O Goberno local únese ao recoñecemento que a veciñanza lucense rende este ano ao Viaduto da Chanca
  • O Goberno local únese ao recoñecemento que a veciñanza lucense rende este ano ao Viaduto da Chanca

Noticias relacionadas