O Goberno propoñerá ao Pleno condonar aos residentes na Croa o importe que terían que pagar polas súas vivendas

Esta decisión do Executivo de Lara Méndez evitará un desembolso económico ás familias dentro do procedemento que se sigue para a regularización dos inmobles

Venres, 17 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este venres de que o Goberno propoñerá ao Pleno que o Concello condone aos residentes nas vivendas sociais da Croa o importe económico correspondente ao valor dos seus inmobles, un valor que terían que pagar para poder facerse coa propiedade das mesmas.

Lara Méndez, que informou da decisión do Goberno aos portavoces dos grupos da oposición, explicou que agora os técnicos municipais conformarán o correspondente expediente administrativo para poder elevalo ao Pleno para o seu debate e aprobación se así o acorda a maioría da Corporación.

Esta decisión do Executivo de Méndez, de saír adiante, evitará un desembolso económico as familias da Croa, dentro do procedemento que se sigue para regularizar as vivendas sociais da Croa, que arrancou no ano 1992, na etapa de Goberno do PP no Concello, como un proxecto de construción de vivendas no marco dun plan para a erradicación do chabolismo. Nese ano asinouse o acordo de cooperación entre o Concello e o IGVS para sacar adiante a iniciativa e en 1995 concedeuse a licenza de construción das vivendas. No 2008, o Concello solicitou  a inscrición da parcela na que se sitúan os inmobles no Rexistro da Propiedade, e tras o pulo dado ao procedemento polo actual Goberno local, no 2016 formalizouse a inscrición, que o Rexistro remitiu á entidade local en xuño de 2017.

Para concluír o proceso e que os residentes poidan ter as escrituras das vivendas, resta unha serie de trámites, como a elaboración e aprobación dun proxecto de parcelación, a presentación do mesmo ante a Xerencia Territorial de Catastro para a súa regularización catastral, a elaboración das correspondentes escrituras de obra nova das vivendas construídas ante notario, e a presentación ante o Rexistro da Propiedade do proxecto de parcelación para a inscrición das parcelas resultantes e das escrituras de obra nova a favor do Concello.

Finalmente, habería que proceder a efectuar as compensacións económicas oportunas entre os adxudicatarios das vivendas e parcelas co Concello, tendo en conta o custe real de construción que figura reflectido no proxecto. Entre as compensacións económicas a realizar, habería dous supostos diferenciados: por unha banda, os propietarios de vivendas existentes que foron expropiadas e demolidas, cuxo xustiprezo se encontra consignado na Caixa Xeral de Depósitos de Facenda, e, por outro, os adxudicatarios de vivendas que non eran propietarios das vivendas demolidas.

E é este último trámite, o das compensacións económicas, o que o Goberno quere evitar, propoñendo ao Pleno condonar aos residentes o importe correspondente ao custe de construción e expropiación.

Audio

  •  Lara Méndez, sobre a condonación das vivendas na Croa | Descargar mp3

Noticias relacionadas