O Impulso Verde, promovido por Lara Méndez, finalista dos Premios Rebuild 2021 como proxecto máis innovador no sector da edificación

Este certame celebrarase no marco do Congreso Nacional de Arquitectura Avanzada e Construción 4.0, no que participará a rexedora lucense.

Lara Méndez exporá o modelo de cidade verde que promove o executivo municipal a través do proxecto Life Lugo+Biodinámico, como referente nacional.

A rexedora manterá un almorzo de traballo co empresariado e a patronal do sector para difundir a Estratexia Lugo Transforma e captar investimentos.

Luns, 20 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde, promovido por Lara Méndez, finalista dos Premios Rebuild 2021 como proxecto máis innovador no sector da edificación

O edificio Impulso Verde, que o goberno de Lara Méndez está a construír na Garaballa dentro do proxecto Life Lugo+Biodinámico, foi seleccionado como un dos finalistas dos Premios Rebuild 2021, que recoñecen os proxectos máis innovadores do sector da edificación. Este certame celebrarase no marco do Congreso Nacional de Arquitectura Avanzada e Construción 4.0, que terá lugar en Madrid e no que participará mañá a alcaldesa de Lugo.

Trátase dunha iniciativa que aborda a transformación da construción en España e na que a rexedora lucense intervirá para expor, como referente nacional, o modelo de cidade verde que promove o executivo municipal a través do proxecto Life Lugo+Biodinámico. Durante a súa intervención estarán tamén presentes Francisco Martín, Director Xeral de Vivenda e Chan do MITMA (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana); ou José María García, Viceconselleiro de Vivenda e Ordenación do Territorio da Comunidade de Madrid, entre outros.

O Congreso Rebuild 2021 é o maior foro de coñecemento e tendencias do país no que participarán - en cinco auditorios simultáneos diferentes - máis de 260 expertos para amosar os proxectos máis disruptivos e casos de éxito para cada segmento do ámbito da edificación (vivenda, hotel, retail, oficina, sociosanitario e institucional) contando, alén, cunha axenda propia para cada perfil profesional.

Lara Méndez, que tamén foi invitada a participar na cerimonia inaugural, estará presente esa mesma xornada nun almorzo de traballo posterior onde dará conta a altos directivos, Conselleiros Delegados e Presidentes de Patronais, construtoras, empresas de industrialización e presidentes de asociacións da Estratexia Lugo Transforma, co obxectivo de difundir o calado do investimento municipal, o maior da historia do Concello de Lugo (12 millóns de euros) e captar o interese do sector para promover a súa participación neste fondo de capital.

Premios Rebuild 2021

Rebuild premiará un ano máis a innovación aplicada á edificación a través dos  Advanced Architecture Awards 2021. A través destes premios, porase de relevo o traballo, esforzo e liderado de todas as empresas, institucións e profesionais que apostan pola innovación e a disrupción. Estes galardóns recoñecerán a creación de novos materiais, o desenvolvemento de produtos alternativos, os sistemas de edificación que vaian na liña da sustentabilidade ou aqueles procesos que favorezan a unha industrialización da súa produción.

Os galardóns divídense en cinco categorías e o Impulso Verde resultou finalista na modalidade Proxecto de Sustentabilidade, Descarbonización ou Maior Autoxeración de Enerxía nun Edificio.

Cómpre lembrar que este será o primeiro edificio público en Galicia construído integramente con madeira local e a semente do primeiro barrio multiecolóxico de Lugo, o primeiro de España deseñado dende cero. Contará, ademais, coa certificación Verde e será o primeiro edificio español con certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship Council). O edificio, de 18 m de altura destinarase a actividades vinculadas ao medio ambiente e á loita contra o cambio climático.

Os  Advanced  Architecture  Awards 2021 están dirixidos a todos os profesionais, expertos, académicos, técnicos, axente público, axente de arquitectura ou enxeñería que aposta pola innovación e a mellora de procesos no ciclo de vida de calquera actividade dentro do sector da construción e a edificación.

Noticias relacionadas