O mellores produtos de Galicia e Norte de Portugal escollen Lugo como escaparate coa celebración da Feira da Eurorrexión

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou esta mañá a mostra, que se desenvolverá até o sábado na Praza da Horta do Seminario, onde se dan cita preto dunha vintena de expositores.

A mostra, organizada polo Eixo Atlántico, se retoma este ano logo de ser cancelada en 2020 pola chegada da pandemia.

Venres, 30 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O mellores produtos de Galicia e Norte de Portugal escollen Lugo como escaparate coa celebración da Feira da Eurorrexión

Embutidos de Suarna, mel de Rubiá e o Barco, castañas de Allariz, marmeladadas de A Coruña, viño do Ribeiro e aceite de Tras-Os-Montes. Son algunhas das mercadorías que esta fin de semana poderán adquirirse na Feira de Produtos Tradicionais da Eurorrexión.

Durante os dous vindeiros días, Lugo convértese no escaparate da excelencia gastronómica e artesanal de Galicia e o Norte de Portugal coa celebración dun evento que pretende visibilizar a calidade da materia prima dámbolos dous países.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez e a tenente de alcaldesa e responsable de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, inauguraron esta mañá a mostra, acompañadas polo edil de Turismo do Concello do Barco de Valdeorras, Eladio Santos, organizadores da convocatoria, e polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, entidade promotora da acción e á que Lara Méndez, que é a súa vicepresidenta, se referiu como “un organismo capaz de impulsar o mellor de cada cidade que o integra, como temos aquí o exemplo”.

A alcaldesa enviou un agarimoso saúdo ao rexedor de O Barco, Alfredo García, ao que lle agradeceu o labor organizativo da Feira - que durante o pasado ano tivo que cancelarse no último momento debido á pandemia - e aproveitou a súa visita aos estands para destacar a importancia que esta cita ten como motor de dinamización económica para a cidade e quixo subliñar tamén “a alta calidade dos produtos autóctonos e o valor engadido dos procesos artesanais que segue a súa elaboración, o que incrementa as súas cualidades primeiro a nivel degustativo e en canto ás propiedades nutricionais e, segundo, como modelo de produción sostible e acorde á conservación e utilización dos recursos propios de cada unha das localidades presentes”.

“Hoxe concentramos aquí o mellor da alimentación, da gastronomía do Norte de Portugal e tamén de A Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo. Hoxe nos acompañan empredores e emprendedoras que atoparon nas súas orixes non só un medio de vida e unha saída profesional, senón tamén unha maneira de converterse en embaixadores da súa propia terra. Estamos moi orgullosos de acollervos a todas e todos aquí, na cidade de Lugo, con fama internacional precisamente polo seu bo xantar e agardamos que gocedes da vosa estancia porque estamos seguros de que a vosa presenza nos deixará estes días mo bo sabor de boca”, referiu a rexedora quen tamén aludiu á participación, nesta cita, da empresa Ceniza de Papel, dedicada aos traballos en cerámica, aloxada nas instalacións municipais do CEI – Nodus.

A alcaldesa de Lugo convidou a toda a cidadanía a visitar a Feira que permanecerá aberta este venres e sábado en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas e subliñou que a mesma se está a celebrar baixo estritos parámetros de seguridade ante o devir da situación epidemiolóxica.

Así, deu conta de que os postos foron distribuídos nunha soa liña de exposición, cunha única dirección e entrada e saída diferenciadas, para evitar o cruzamento de persoas polo recinto que, alén de contar con control de aforo, disporá, ademais, de sinalización e cartelería na que se informa das recomendacións sanitarias en vigor. Igualmente, algúns dos comerciantes presentes, ofrecerán degustacións puntuais dos seus produtos, que serán sempre en vaixela desbotable dun só uso, para o que darán indicacións ás e aos consumidores de como realizalas con totais garantías.

 Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a Feira da Eurorrexión | Descargar mp3
  • O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez, sobre a Feira da Eurorrexión | Descargar mp3
  • O edil de Turismo do Concello do Barco de Valdeorras, Eladio Santos, sobre a Feira da Eurorrexión | Descargar mp3

Multimedia

  • O mellores produtos de Galicia e Norte de Portugal escollen Lugo como escaparate coa celebración da Feira da Eurorrexión
  • O mellores produtos de Galicia e Norte de Portugal escollen Lugo como escaparate coa celebración da Feira da Eurorrexión

Noticias relacionadas