O Mercado de Nadal, un escaparate para a calidade do produto de proximidade que Lara Méndez pon a disposición do comercio local

A alcaldesa inaugurou esta tarde o mercadiño de inspiración europea que permitirá a negocios de todos os barrios da cidade potenciar as súas vendas durante as festas.

Durante a apertura, o Señor e a Señora Claus guiaron ás crianzas polo Poboado Miúdo e convidáronas a experimentar no Laboratorio de Probas de Xogos, a danzar nunha Disco Móvil e a saborear unha chocolada na Cabana de Lambetadas.

Os Ildefonsos, elfos e zancudos provenientes de Laponia aderezaron esta xornada lúdica que congregou a numeroso público, cumprindo os obxectivos da campaña Nadalmente Lucense que desenvolve a concellería de Desenvolvemento Local.

Xoves, 01 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Mercado de Nadal, un escaparate para a calidade do produto de proximidade que Lara Méndez pon a disposición do comercio local

Vinte empresas lucenses ofrecen dende hoxe os seus produtos e servizos – unha ampla variedade de artigos de moda, artesanía, beleza, alimentación, regalo, etc – no Mercado de Nadal que este mes encherá de dinamización a Praza Maior e o Centro Histórico.

Un escaparate para a calidade da materia prima e do produto local e tamén do bo facer do comercio de proximidade que cada semana se renovará, dándolle a oportunidade, de xeito gratuíto, a decenas de negocios de todos os barrios de potenciar as súas vendas durante estas datas.

A alcaldesa, Lara Méndez, foi a encargada de inaugurar esta tarde a campaña coa que, baixo o nome de Nadalmente Lucense, a área de Desenvolvemento Local aposta por dinamizar non só economicamente o municipio, senón tamén dunha forma lúdica xa que, entre as actividades que aglutina, ten cabida unha ampla programación dirixida a toda a familia.

Así, zancudos e elfos, provenientes de Laponia, e mesmo o Señor e a Señora Claus conseguiron congregar este xoves a multitude de público ao que guiaron polo Poboado Miúdo, permitíndolles experimentar cos xogos do Laboratorio de Probas. As crianzas puideron gozar, alén, de numerosos entretementos, entre os que se incluíu a música dunha Disco Móbil e unha chocolatada antes de que o evento culminase co Concerto de Cantos dos Ildefonsos.

A rexedora destacou o potencial da iniciativa para apoiar ao sector da hostalaría e do comercio, “fomentando a adquisición de agasallos en empresas locais, ao tempo que estamos seguros de que toda a animación que organizamos servirá tamén como reclamo para que os e as lucenses vivan e compartan na rúa a ledicia destas festas”.

Lara Méndez lembrou que o Mercado, que permanecerá aberto dende hoxe e até o 31 de decembro, estará composto por 20 casetas de madeira “nas que se instalarán, en quendas semanais establecementos de todos os puntos da cidade - dende as Gándaras, a Residencia, Paradai, San Roque, a Milagrosa, a Avenida da Coruña, Fontiñas, Augas Férreas, Albeiros, Garabolos, Recatelo, o Sagrado Corazón, e mesmo o recinto amurallado - no que será un excelente compendio de ideas coas que sorprender este Nadal aos nosos seres queridos, polo que dende o Concello convidamos a toda a cidadanía a visitalo e a beneficiarse das recompensas que, en todos os sentidos, ten mercar nel”, concluíu a alcaldesa.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre "O Mercado de Nadal" | Decargar mp3

Multimedia

  • O Mercado de Nadal, un escaparate para a calidade do produto de proximidade que Lara Méndez pon a disposición do comercio local

Noticias relacionadas