O número de usuarios de Axuda no Fogar de Lugo creceu un 35’7% en 2020 e elevou o investimento do Concello até os 3’7 millóns €

A pandemia supuxo un incremento, con relación ao ano anterior, de 263 persoas, ata chegar ao milleiro de beneficiarios.

O executivo de Lara Méndez aumentou a consignación do servizo en máis de 726.000 euros (un 23% máis) para facer fronte á demanda asistencial.

Mércores, 17 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O número de usuarios de Axuda no Fogar de Lugo creceu un 35’7% en 2020 e elevou o investimento do Concello até os 3’7 millóns €

O executivo de Lara Méndez atendeu en 2020 a un total de 999 persoas a través do servizo de Axuda no Fogar. Unha prestación coa que, dende a área de Benestar, se lle dá cobertura asistencial á poboación máis vulnerable e con maiores necesidades.

A chegada da pandemia, segundo sinalou a edil responsable, Olga López Racamonde, supuxo un crecemento tanto do número de usuarias e usuarios como tamén do investimento municipal que implicou pasar dos 736 beneficiarios en 2019 a 999 en 2020 (263 máis – 35’7%), alén dunha maior consignación orzamentaria que aumentou en 726.511 euros con relación ao exercicio anterior.

“Se en 2019 o Concello destinou 3.009.643 € a dar cobertura ao SAF, en 2020 esa cantidade alcanzou os 3.736.154 €”, abondou a concelleira, ao tempo que atribuíu parte desa suba (do 23%) a que foi a administración local quen asumiu o custo do servizo extraordinario por COVID creado pola Xunta cando esta o suprimiu no último trimestre do ano.

“Un esforzo que fixemos tratando de mellorar a calidade de vida das nosas veciñas e veciños, ao tempo que posibilitamos a permanencia nos seus domicilios e na contorna habitual, favorecendo a súa autonomía e prevendo tamén situacións de exclusión social”, indicou López Racamonde.

A responsable de Benestar deu conta igualmente de que na actualidade 229 persoas esperan para obter a prestación. “Algunhas delas comezarán a recibila agora ao incrementar a Xunta en 3.769 horas mensuais a bolsa correspondente á dependencia. De feito, 1200 horas xa están asignadas e as 2500 restantes, comprometidas”, engadiu.

A concelleira destacou que “neste momento a tramitación de horas do PAR-SAF ten máxima prioridade, pero temos que respectar a orde de prelación determinada pola lista de agarda, ademais dun período de tempo mínimo de cara a toma de decisións por parte das persoas contactadas e para a recopilación e presentación da documentación necesaria (distribución de horarios, obtención de informes médicos actualizados, follas de medicación activa, atención ás necesidades de organización das persoas coidadoras, compaxinación do SAF con outros servizos privados, etc)”.

Unha tramitación que, segundo explicou López Racamonde, non resulta inmediata xa que conleva iniciar o contacto telefónico coa persoa dependente e/ou familiar de referencia, así como o envío de formularios por correo electrónico ou cita presencial, a recepción da documentación oportuna, a elaboración do informe da traballadora social e a posterior remisión á empresa prestadora do SAF para efectivizar a alta de forma definitiva.

“A través do SAF as e os nosos maiores e/ou dependentes, as familias con menores ao seu cargo ou persoas con enfermidade crónica reciben atencións de carácter doméstico, persoal, psicolóxico e/ou educativo”, abondou a edil.

O horario de prestación do servizo ordinario é de luns a sábado en horario de 07:00 a 22:00 horas, sempre que sexan laborais; e en servizo extraordinario, de 22:00 a 07:00 horas de luns a sábado, os domingos e os festivos as 24 horas. A súa duración nunca é inferior a 30 minutos por xornada e préstase nun máximo de 3 franxas horarias, respectando, sempre que é posible, a vontade da persoa beneficiaria.

Audio

  • A edil de Benestar, Olga López Racamonde, sobre o incremento do SAF 2020 | Descargar mp3

Noticias relacionadas