O Pazo de Feiras e Congresos celebra o seu 20 aniversario en outubro co concerto de Sweet California e unha cita musical de novos estilos

Carmen Basadre e Rubén López presentaron a programación, coa que colabora o Concello de Lugo, pois o Pazo é capaz de dinamizar tanto social, como cultural e economicamente o municipio

Sweet California actuará o 14 de outubro, dende as 19:30 horas, e o festival Novafest, cunha duración de 6 horas de concertos, terá lugar o 13 de outubro, dende as 20:30 horas

Xoves, 07 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Pazo de Feiras e Congresos celebra o seu 20 aniversario en outubro co concerto de Sweet California e unha cita musical de novos estilos

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto ao director xerente do Pazo de Ferias e Congresos de Lugo, Rubén López, presentaron este xoves, na sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a programación para conmemorar o 20 aniversario deste espazo, que terá lugar despois do San Froilán, nas instalacións do propio Pazo.

"Lugo non sería igual sen este Pazo de Feiras, capaz de dinamizar tanto social, como cultural e economicamente o municipio, con propostas de todos os tipos, á beira dun espazo tan signitivativo para a cidade como é a carón do Miño", asegurou Carmen Basadre durante a presentación da programación do aniversario, coa que colabora o Concello, que a propia edil calificou como proposta actual para público actual.

Por unha banda, celebrarase o festival Novafest, o 13 de outubro, que contará, como primeiros artistas confirmados, co dúo de rap NATOS y WAOR, abanderados da transformación da industria musical, grupo que conta con máis descargas en Spotify. As entradas para esta nova cita no calendario musical galego poderán adquirirse dende o vindeiro luns, a través de www.ataquilla.com, cun prezo de 15 euros, máis gastos de xestión, as primeiras mil entradas, subindo aos 19, máis gastos de xestión, a partir destas mil primeiras. En taquilla terán un prezo de 24 euros, máis os gastos de xestión. Trátase dun festival organizado por Idearock e La Liebre, cuxo representante Eduardo Núñez, tamén estivo presente no acto de presentación; xunto ao Concello e o Pazo, de máis de 6 horas de concertos, dende as 20:30 horas, con artistas de renome actual. O aforo para este festival, que quere ser escaparate de novos estilos e tendencias e artistas emerxentes, é de 5.000 persoas.   

Por outro lado, terá lugar a actuación da banda feminina Sweet California, que actualmente contan con máis de 100.000 discos vendidos, un MTV a mellor artista internacional, 1 disco de ouro e dous de platino; converténdose no girl group con máis éxito de España. Será o 14 de outubro, a partir das 19:30 horas. As entradas sairán á venda a vindeira semana, cun prezo de 12 euros ata as primeiras mil, máis gastos de xestión; 16 dende as 1.001 e 20 euros en taquilla.

O Pazo de Ferias e Congresos de Lugo é o único recinto ferial da provincia e un dos cinco de Galicia que continúan en activo.

Os 20 anos do Pazo

Rubén López fixo un balance dos 20 anos de traballo intenso do Pazo, con altos e baixos, con fases máis complicadas e outra como a actual, "o mellor momento do Pazo de Feiras", moi importante a nivel económico e ocupación, con 327 días de actividades o pasado ano e máis de 130.000 visitas. O xerente deste "espazo único e funcional", agradeceu aos patróns do Pazo -o Concello, a Deputación e a Xunta de Galicia-, o seu labor e a confianza da empresa privada e da cidadanía por converter, no 2017, ao Pazo no cuarto edificio da provincia máis visitado, cunhas 115 actividades variadas ao longo do último ano.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o Pazo de Feiras e Congresos | Descargar mp3

Noticias relacionadas