O Plan Mellora Lugo 2016 do Concello permitiu, na área de infraestruturas, realizar máis de 100 reparacións en distintas beirarrúas e rúas da cidade

O Goberno puxo en marcha este plan co dobre obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento e mantemento de instalacións e zonas públicas

Mércores, 02 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Plan Mellora Lugo 2016 do Concello permitiu realizar máis de 100 reparacións en distintas beirarrúas e rúas da cidade ao longo dos últimos 6 meses, concretamente 118. Son varias as Concellerías que dispoñen de persoal contratado a través deste programa, que pretende facilitar a inserción de persoas desempregadas do municipio, prioridade do Goberno de Lugo, e ao mesmo tempo, contribuír á conservación e mellora dos espazos públicos. Xunto con esta área de actuación de infraestruturas, o Mellora Lugo 2016, dotado de 425.000 euros, englobou outras tarefas en Educación, Medio Rural, Deportes e Medio Ambiente.

As zonas adecentadas distribúense polas distintas zonas de toda a cidade. En concreto, revisáronse e substituíronse as pedras soltas e rotas na rúa da Raíña, na Praza Maior, San Pedro, Campo Castelo, Jacinto Calvo, na Avenida da Coruña, na Ronda das Fontiñas, Illa Madeira, Clérigos, rúa do Progreso, na Praza de Bretaña, Gustavo Freire, na estrada de Ombreiro, Praza de Alcántara, San Roque, Estrada da Granxa con Avenida de Magoi e rúa Montefaro, entre outros. Ademais, os 7 operarios da área de infraestruturas restableceron un pasamáns dunha escaleira en Sanfiz, unha varanda arrincada por accidente de circulación na rúa San Eufrasio-Carril dos Fornos, a reparación de pavimento, con retroexcavadora, en Pena da Mula e no Polígono Castro Xil; fabricaron e instalaron un pasamáns na escaleira do remate da rúa Outono e prolongaron o existente no Carril do Xuízo, restableceron a malla do cerramento onda a Edar vella, instalaron os rexistros que faltaban na rúa das Leiteira e rúa Fisterra e arranxaron un colector de saneamento afundido na rúa da Xesta. Así mesmo, bacheouse, con aglomerado en quente, na rúa San  Vicente e reparánose dous afundimentios na rúa dos Carros e Agricultura, entre outras actuacións.

Ademais de ditas reparacións, estes meses, o equipo de 20 traballadores contratado grazas a este programa, realizou tarefas de mantemento nos colexios públicos da cidade e nas escolas infantís municipais, como por exemplo retellados e eliminación de goteiros. En medio rural reparáronse pequenos defectos detectados en escolas rurais ou lavadrios e en instalacións deportivas, repasáronse pinturas de locais e acondicionáronse zonas perimetrais, entre outros. Por último, en medio ambiente, as principais intervencións foron en parelas municipais ou zonas verdes.

Audio

  • O edil Manuel Núñez sobre o "Plan Mellora Lugo 2016"  | Descargar mp3

Noticias relacionadas