A Concelleira de Economía subliñou que “coa eliminación de tempos mortos no circuíto administrativo de facturas e a implantación integral da e-facturas cada vez será menos necesario acudir a recoñecementos extraxudiciais de crédito”
- Tema
O Pleno aprobou este xoves recoñecementos extraxudiciais de crédito que permiten o pago de facturas, todas conformadas polos técnicos, por valor de máis de 300.000 euros a catorce provedores por servizos debidamente prestados ao Concello.
A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, explicou que os expedientes elevados a Pleno divídense en dous bloques:
- Un formado polas facturas de 12 provedores que estaban pendentes de pago porque a xeración de crédito para abonalas non foi aprobado polo Pleno en anteriores sesións. “Volvemos a propoñer, a pedir, unha vez máis o desbloqueo das facturas destes 12 provedores, na súa gran maioría, PEMES, autónomos e asociacións, porque é o único mecanismo legal que ten o Concello para pagarlles por uns servizos que realizaron; porque o Goberno non debe, nin quere ser corresponsable dos graves prexuízos económicos, a nivel de previsión de ingresos e de liquidez, para facer fronte ao día a día que lles está a provocar o impago, e porque se está producindo un enriquecemento inxusto da Administración, dado que, reitero, os servizos foron debidamente prestados”, explicou a edil.
- O segundo bloque está composto por dous recoñecementos extraxudiciais de crédito novos: un para o pago dunha factura polo servizo de comedor á escola infantil municipal Gregorio Sanz e outro para abonar facturas de empresas eléctricas.
Ana Prieto incidiu en que todas estas facturas están conformadas polos técnicos porque os servizos foron debidamente prestados.
A Concelleira recoñeceu que, “sendo o recoñecemento extraxudicial de crédito un mecanismo legal de carácter excepcional, é certo que o vimos utilizando nos últimos meses de maneira frecuente para abonar servizos efectivamente prestados porque, na gran parte dos casos, se produciu un atraso, mesmo un cuello de botella, á hora de conformar as facturas pola falta de persoal, e incluso por motivos alleos ao propio Concello, como erros nas minutas. Utilizámolo así mesmo co fin de non disparar o Período Medio de Pago aos Provedores”.
“Sendo certo que utilizamos este mecanismo de maneira moito máis frecuente do que nos gustaría, tamén é certo que estamos traballando para evitar a acumulación de facturas, acurtar os prazos de tramitación e poñer ao día os pagos co fin de utilizar cada vez menos o recoñecemento extraxudicial de crédito e que realmente sexa un mecanismo excepcional”, argumentou a edil, quen explicou seguidamente as devanditas medidas:
- Por un lado, a eliminación de tempos mortos no circuíto administrativo de facturas grazas a un traballo organizado e planificado de maneira transversal, en todos os departamentos, co que se reduciu en case a metade o período medio de pago aos provedores no último trimestre, pasando de 108 a 58 días.
- Por outra banda, a recente implantación da tramitación integral da factura electrónica, co que, ademais de baixar custes económicos, reducirase en polo menos 30 días o período medio de pago aos provedores.
O único recoñecemento extraxudicial de crédito non aprobado pola Corporación no Pleno de hoxe, debido aos votos en contra de PP, Ciudadanos e ACE, foi o correspondente a dúas facturas da empresa Gestagua, por valor de 283.000 euros.
A totalidade dos recoñecementos aprobados foron os seguintes:
CECHALVA SL |
82.641,94€ |
|
|
ASOCIACIÓN CUTURAL CÁNTIGAS E FRORES |
8.200€ |
FUNDACIÓN PRAZA PÚBLICA |
1.210€ |
PORTAL LITERARIO SL |
847€ |
RADIO LUGO SA |
2.450€ |
XESTIÓN DE MONTAXES OS ANCARES |
1.452€ |
ASOCIACIÓN CULTURAL LUGO ROCK |
4.500€ |
ASOCIACIÓN MUSICAL AMIGOS DE GUNTÍN DE PALLARES |
450€ |
CARPAS CARBOEIRA SL |
2.178€ |
GÓMEZ BRANCAL DELFÍN |
450€ |
MULTISPORTS GALICIA SL |
3.945,20€ |
ALIMENTACIÓN SALUDABLE GALLEGA |
4.593,58€ |
COMPAÑÍAS ELÉCTRICAS (GAS NATURAL E VIESGO) |
190.783,73€ |
Aínda que finalmente saíron adiante, o Partido Popular volveu a votar en contra, por quinta vez, do pago de facturas pendentes a pemes, autónomos e asociacións, como Cántigas e Frores, Praza Pública, Portal Literario, Radio Lugo, Xestións de Montaxes Os Ancares, Lugo Rock, Amigos de Guntín de Pallares, Carpas Carboeira, Delfín Gómez Brancal e Multisports Galicia, polo que a Concelleira de Economía considerou necesario que os populares “dean explicacións a todos lucenses en xeral, pero a estes provedores en particular, porque non lles queren pagar. Que teñen en contra deles?”.