O SanFroidance, a banda Gin Toni´s, a cantante Bebe e varios DJs súmanse ao cartel do San Froilán 2016

Carmen Basadre avanzou estas novas actuacións, co SanFroidance o 4 de outubro na Praza da Soidade ou a banda Gin Toni´s o día 6 de outubro na Praza de Santa María

Tamén anunciou que o concerto de Bebe será o día 9 de outubro na Praza Horta do Seminario e varios DJs, que actuarán diferentes días para animar as festas patronais da cidade

Xoves, 22 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, avanzou este xoves novas incorporacións ao cartel deste San Froilán 2016. Trátase do SanFroidance o día 4 de outubro na Praza da Soidade, a banda Gin Toni´s o día 6 de outubro na Praza de Santa María, a cantante Bebe o día 9 de outubro, Domingo das Mozas, na Praza Horta do Seminario, xunto con varios DJs, que actuarán diferentes días para animar as festas patronais da cidade.

Os DJs Vallejo, Fernando Mesa, Frisco e Marcos Peón actuarán o día 4 de outubro na Praza de Santa María. Ademais, o grupo Seven Airwaves Lugo Baila!, que conta con varios DJs de Lugo, actuarán diferentes días para animar as festas patronais da cidade. O día 6 de outubro farano na Praza de Campo Castelo, o día 7 na Rúa Bispo Aguirre e o día 10 na Praza de San Marcos. O día 11 na Praza da Soidade farán unha sesión vermú e unha actuación pola noite.

O Festival de música negra e electrónica SanFroidance, que este ano chega ao seu undécimo aniversario, conta cunha gran variedade musical e coas actuacións de diferentes DJs e MCs. Este festival ofrecerá estilos como o Soul, Gospel, Jazz, Reggae, Dancehall, Rap, Disco, Break, Swing e Mashup, que se fusionarán coa electrónica máis Groovera.

Gin Toni´s é un grupo de música de Escairón que fai bailar a todo o público con versións de éxitos clásicos da música española, con cancións de Seguridad Social, Revólver, La Guardia, El Ultimo de la Fila, ou Fito, entre outros.

Bebe é unha cantante, popularmente coñecida dende o ano 2001, logo de gañar un concurso de cantautores en Extremadura, é tamén a autora do coñecido single Malo co que percorreu varios países contaxiando a súa enerxía. Cambio de piel é o seu novo álbum que edita tras catro anos de silencio, e no que mostra unha decidida vontade de retomar as rendas da súa carreira volvendo a un son e unha expresividade que a caracteriza.

Sinalización no recinto feiral
Con motivo da montaxe das atraccións no recinto feiral, dende a mañá deste xoves procedeuse á instalación da sinalización circunstancial para a prohibición dos estacionamentos na Avenida Rodríguez Mourelo, Praza de Avilés, Rúa Puro Cora e Avenida García Portela.

Dita sinalización que prohibe o estacionamento vai acompañada de carteis co seguinte aviso: “Prohibido estacionar dende as 00:00 horas do día 24 de setembro”, que é cando se atopa autorizada a montaxe das atraccións.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre as novas incorporacións ao cartel do San Froilán 2016 | Descargar mp3

Noticias relacionadas