O servizo de comida a domicilio a persoas maiores do Concello repartiu preto de 9.700 menús nos primeiros sete meses do ano

Ana Abelleira explicou que o Concello destinou nos primeiros sete meses máis de 40.200 euros para proporcionarlle unha alimentación equilibrada aos 55,3 usuarios de media que ten este servizo

No que vai de ano, a entidade local atendeu a uns 370 usuarios dentro do Servizo de Atención no Fogar, destinando para isto máis de 900.700 euros

Venres, 16 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O servizo de comida a domicilio a persoas maiores do Concello repartiu preto de 9.700 menús nos primeiros sete meses do ano

O servizo de comida a domicilio a persoas maiores que ofrece o Concello de Lugo, o denominado Xantar no Fogar, repartiu preto de 9.700 menús nos primeiros sete meses do ano. Así o manifestou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, quen explicou que se trata dun programa complementario da prestación de servizo de axuda no fogar, “co que buscamos mellorar a calidade de vida e darlles resposta ás necesidades dos nosos maiores, procurando a continuidade dos veciños e veciñas na súa contorna familiar.” Tal e como informou a edil, os meses nos que máis menús se repartiron foron os de xuño e maio, con 1.479 e 1.478, respectivamente.

González Abelleira fixo fincapé no incremento do número medio de usuarios ao mes, que pasou dos 39,5 no 2009, aos 55,3 no 2016, o que supón un incremento dun 28,6%. O pasado ano 2015, repartíronse máis de 17.700 menús, 3.300 máis que no 2014, afirmou a edil, quen subliñou que no mes de xullo foron 58 as persoas que se beneficiaron deste servizo municipal, que ofrece comida preparada a domicilio, 2 días á semana a cada beneficiario, durante os 365 días do ano. O 53% dos usuarios son mulleres, destacou a Concelleira.

Xantar no fogar pode ofrecer de unha ás tres comidas a domicilio, cun custe para os usuarios dende os 0 euros aos 4,71 por menú, tendo en conta a renda do beneficiario. O Concello destinou nos primeiros sete meses, máis de 40.200 euros para proporcionarlle unha alimentación equilibrada aos usuarios e favorecer a prevención de posibles trastornos de saúde derivados da insuficiente alimentación ou dieta pouco adecuada, así como para previr accidentes domésticos durante a preparación de comida. Nesta liña, a edil lembrou o sistema de produción en cadea da comida, que garante a seguridade alimentaria e a súa conservación, a través dun proceso de abatemento en frío e dunha distribución en furgóns isotérmicos.

Servizo de atención no fogar

Dende xaneiro a xullo, o Concello atendeu a uns 370 usuarios dentro do Servizo de Atención no Fogar, incrementándose a cifra respecto do pasado ano. Para este programa, que persegue mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, ao tempo que posibilita a permanencia na súa contorna de vivencia habitual e favorece a súa autonomía no propio domicilio, a entidade local destinou neste período máis de 900.700 euros.

“Todas as institucións debemos seguir ofrecendo estes servizos, xa que a poboación maior merece esta atención. A atención no fogar non se pode descoidar por parte doutras administracións, porque aos nosos maiores debémoslles o noso pasado, o noso presente, e tamén o noso futuro porque seguen a colaborar, por exemplo, na atención dos nenos”, concluíu Abelleira.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre o servizo Xantar no Fogar | Descargar mp3

Noticias relacionadas