O turismo crece un 13% ata xuño en Lugo, que espera atender a máis de 15.000 visitantes no verán

Lugo recibe un importante número de visitantes de Madrid, Cataluña e Castela e León, supoñendo un 37% das visitas nacionais. En canto ao turismo internacional, predominan os cidadáns de Francia, Alemaña, EE.UU. e Arxentina

Os museos municipais espertaron o interese de máis de 17.700 persoas no que vai de ano. A Domus do Mitreo e a Casa dos Mosaicos foron os centros máis visitados, seguidos do Museo Interactivo da Historia de Lugo

Luns, 04 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O primeiro semestre do 2016 pecha na cidade de Lugo cun incremento dun 13% no número de viaxeiros que se achegaron á Oficina Municipal de Turismo, que espera atender a máis de 15.000 visitantes no verán. De feito, nos primeiros meses deste ano achegáronse preto de 17.300 visitas á Praza do Campo, incrementándose nun 13% con respecto ao mesmo período do ano anterior e nun 14% máis que no 2014, anos nos que os turistas rexistrados estaban preto dos 15.000. A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, celebrou a evolución positiva que vén sufrindo mes tras mes, e ano tras ano as visitas á cidade, ao tempo que se mostrou optimista respecto ao comportamento do turismo de cara o verán. Por comunidades autónomas, Lugo recibe un importante número de visitantes de Madrid, Cataluña e Castela e León, supoñendo un 37% das visitas nacionais. En canto ao turismo internacional, dos 2.670 visitantes, predominan os cidadáns de Francia (374), Alemaña (343), Estados Unidos (286)  e Arxentina (270).

“Estes datos demostran que Lugo é un destino que sigue de moda, pois acolle unha variada oferta turística monumental, cultural, deportiva e gastronómica, así como diferentes opcións que cobixan o pasado e a riqueza do municipio”, subliñou Basadre, quen asegurou que “a xente cada vez busca máis calidade turística,  tranquilidade, sitios de lecer e gastronomía, algo que conxuga á perfección Lugo”. Basadre asegurou que o Concello seguirá a traballar para conseguir a pernoctación, e convidou a sumarse a esta liña ao sector da hostelería e do comercio, para entre todos conseguir un récord histórico de visitantes.

Basadre insistiu en que os datos son un reflexo da promoción de Lugo feita polo Goberno no que vai de ano, tanto no metro de Madrid como de Barcelona, en revistas alemáns, no Alsa, e nas redes sociais. “Cada vez estamos traballando mellor para dar a coñecer Lugo, as súas excepcionalidades e os seus atractivos”, concluíu.

Máis de 17.700 visitas aos museos municipais
Nos seis primeiros meses, os museos municipais espertaron o interese de máis de 17.700 visitantes. A Domus do Mitreo e a Casa dos Mosaicos foron os centros máis visitados, con máis de 6.300 e 5.900 visitantes. Polas instalacións vangardistas do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) pasaron máis de 3.100 persoas. O Centro Arqueolóxico de San Roque e a Sala de Exposicións de Porta Miña reuniron preto de 2.300 visitas.

Xuño do máis turístico
Polo que respecta aos visitantes no mes de xuño, a Concelleira avanzou que a Oficina de Turismo Municipal recibiu máis de 4.200 persoas, un 17% máis que o mesmo mes do pasado ano. O venres 17 e o sábado 18, así como o pasado luns 27, foron os días que máis persoas se achegaron á Praza do Campo, un total de 638, rexistrando este servizo municipal unha media diaria de 140 demandantes de información. Entre os 3.221 españois que visitaron Lugo, os madrileños sitúanse á cabeza, 668, seguidos dos procedentes de Castela e León e Andalucía. En canto aos estranxeiros, os estadounidenses lideraron as visitas en xuño, seguidos dos franceses.

No que se refire a visitas á rede musesística municipal, en xuño pasaron polos museos máis de 4.100 persoas, recibindo a Domus do Mitreo e a Casa dos Mosaicos o 78% das visitas totais.

Audio

  • Carmen Basadre, Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua | Descargar mp3

Noticias relacionadas