O V Arde Lúpulus, que como novidade se alonga un día máis, achega preto de 70 tipos de cervexas artesáns á Praza Horta do Seminario

Carmen Basadre e Esteban Loureiro presentaron este evento que terá lugar na Praza Horta do Seminario a partir deste xoves, no que ademais haberá postos de comida, concertos e obradoiros para os nenos e nenas

A edil destacou a importancia de impulsar este tipo de iniciativas que apoian ao sector emprendedor e dinamizan a actividade da cidade

Mércores, 02 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O V Arde Lúpulus, que como novidade se alonga un día máis, achega preto de 70 tipos de cervexas artesáns á Praza Horta do Seminario

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto ao presidente da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns, Esteban Loureiro, presentaron, na Sala de Usos Múltiples de Novas Tecnoloxías, a V edición da Feira da Cervexa Artesá de Lugo-Arde Lúpulus, que terá lugar dende mañá xoves ata o domingo na Praza Horta do Seminario, en horario de 12:00 á 01:00 horas. Trátase dun evento de balde e organizado pola asociación a través do patrocinio da entidade local, co obxectivo de dar a coñecer este produto elaborado de xeito artesanal e profundizar na cultura que xira en torno a esta bebida.

Durante o acto de presentación no que tamén estiveron presentes outros artesáns, Carmen Basadre destacou que “ao longo destas xornadas poderanse degustar preto de 70 tipos de cervexas artesáns de produtores tanto galegos coma outros chegados de diferentes puntos da península”. A edil tamén sinalou a importancia de impulsar este tipo de iniciativas que apoian ao sector emprendedor e dinamizan a actividade da cidade, ofrecendo ademais postos de comida, concertos ou obradoiros para os máis cativos e cativas”.

Pola súa banda, Loureiro agradeceu o apoio do Concello que “cada ano fai posible a posta en marcha dunha nova edición do Arde Lúpulus, que nesta ocasión e como novidade inclúe un día máis de feira, ademais dunha zona de xogos e novas especialidades de cervexa”. Nesta liña, convidou a toda á cidadanía a achegarse á Praza Horta do Seminario a partir do 3 de maio.

Programación

  • Xoves 3: ás 18:00 horas inauguración e pinchada do primeiro barril; ás 19.00 actuación do DJ Mr.Fishman Aka Dr. Think e ás 22:30 peche da feira.
  • Venres 4: ás 12:00 horas apertura da feira; ás 21:00 concerto de La Cumbancha de la Martiniana e ás 00:00 peche da feira.
  • Sábado 5: ás 12:00 horas apertura da feira; ás 12:30 sesión Beer-Mú e actuación do DJ Mr.Fishman Aka Dr. Think; ás 17:30 obradoiro infantil de manualidades de chaveiros e broches, ás 20:00 Friki-cata de cervexas da man da xente da tabla de Flandes (as persoas interesadas en anotarse deberán enviar un correo electrónico a seguinte dirección de email: catasfreak@gmail.com) e ás 21:00 concerto de Skintight.
  • Domingo 6: ás 12:00 horas apertura da feira; ás 12:30 obradoiro de elaboración de cervexa artesá gratuíto (as persoas interesadas en anotarse deberán enviar un correo electrónico a seguinte dirección de email: cursodecervexa@gmail.com) e sesión Beer-Mú coa actuación de DJ Alex Nite; ás 17:30 obradoiro infantil de elaboración de pezas con barro; ás 20:00 actuación de los Pontiaks; ás 22:30 concurso a mellor etiqueta do festival; ás 22:35 concurso a mellor cervexa do festival; ás 22:40 concurso o mellor Food-Truck do festival; ás 22:50 entrega de premios aos cervexeiros e ás 23:00 clausura da feira.

Audio

Noticias relacionadas