O Vello Cárcere acolle esta fin de semana Experiencias Teatrais, o broche de ouro do 30 aniversario de Achádego Teatro

Concello e Deputación colaboran con Achádego nesta programación, que se celebra o venres e sábado dende as 20:00 horas, e o domingo, a partir das 18:00 horas, no auditorio deste centro sociocultural

Participarán grandes nomes do mundo da actuación, que reflexionarán sobre a situación actual da actuación, produción e escritura en ficción, como o actor Tamar Novas, o director Jorge Coira ou o dramaturgo Sergi Belbel

Xoves, 22 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Vello Cárcere volve ser esta fin de semana sede dunha cita cultural. Trátase, neste caso, das actividades que poñen o broche de ouro ao 30 aniversario de Achádego Teatro. Concretamente son tres xornadas de Experiencias teatrais, onde o actor Tamar Novas, o director Jorge Coira ou o dramaturgo Sergi Belbel, entre outros, falarán de actuación e creación de ficción en Galicia.

O Concello colabora con Achádego Teatro nesta programación, coa que se pretende invitar á reflexión sobre a situación actual da actuación, produción e escritura en ficción. A Deputación de Lugo tamén apoia estas xornadas teatrais, que se celebran este venres 23, sábado 24 e domingo 25, no auditorio do Vello Cárcere, en xornada de tarde.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, convidou á veciñanza a asistir a este conxunto de conferencias na que participarán grandes nomes do mundo da actuación. Así mesmo tamén aproveitou para felicitar a todos e cada un dos compoñentes de Achádego por levar 30 anos traballando en facer pensar e rir a Lugo; ademais de darlle á cultura lucense unha sinal de identidade.

Programación

  • 23 de novembro, ás 20:00 horas: Mesa redonda Galicia para crear ficción, aposta teatral e audiovisual, con Jorge Coira, director de cine, Antonio Mourelos, actor e profesor de USC e  Mercedes Castro, actriz e productora de Emedous.
  • 24 de novembro, ás 20:00 horas: Conferencia A dramaturxia actual, co dramaturgo Sergi Belbel.
  • 25 de novembro, ás 18:00 horas: Encontro co actor Tamar Novas, O nacemento  e a formación dun actor.

Noticias relacionadas