O Vello Cárcere acolle esta fin de semana a Feira do libro infantil e xuvenil dentro da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico

Lugo converterase no epicentro da literatura galego-portuguesa coa celebración desta cita, que comezará mañá, a partir das 17:30 horas coa apertura dos postos de venda.

Lara Méndez: “Será unha gran ocasión para coñecer as últimas novidades destinadas ao público máis novo, unha cita chea de aventura, imaxinación e creatividade”.

Haberá contacontos a cargo de Ana Carreira, Soledad Felloza e Caxoto e os asistentes poderán participar nos obradorios de ilustración a cargo de Noemí López e María Lides.

Toda a información sobre esta cita, así como do resto de programacións da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse na web: www.lugocapitaldacultura.com.

Xoves, 30 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere acolle esta fin de semana a Feira do libro infantil e xuvenil dentro da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico

O Vello Cárcere converterase durante toda a fin de semana no epicentro da literatura galego-portuguesa coa celebración da I Feira do libro infantil e xuvenil, posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez, no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. “Será un magnífico escenario e unha gran ocasión para coñecer e adquirir as últimas novidades literararias destinadas ao público máis novo, e onde a aventura, a imaxinación, a cultura e a creatividade estarán protagonizadas por estes lectores e lectoras”, apuntou Méndez.

A apertura da feira terá lugar mañá, venres, ás 17:30 horas. A rexedora explicou que, ao longo da fin de semana “as novidades literarias mesturaranse con obradoiros de diferentes temáticas, nos que as e os lucenses poderán participar activamente, e con contos que cobrarán vida nas verbas de narradores e narradoras que conducirán aos participantes a mundos fantásticos”.

Neste senso, haberá contacontos sobre lendas galegas e portuguesas a cargo de Ana Carreira, Soledad Felloza e Caxoto. E os asistentes poderán participar nos obradorios de ilustración a cargo de Noemí López e María Lides. Toda a información sobre esta cita, así como do resto de programacións da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse na web: www.lugocapitaldacultura.com.

Para participar nos obradoiros será preciso inscribirse previamente no enderezo electrónico alcaldia@lugocapitaldacultura.com As prazas asignaranse por rigoroso orde de chegada das solicitudes ata completar o aforo.

Programación da feira

VENRES 31

  • 17.30h.- Apertura da feira e postos de venda (ata as 20.30h).
  • 18.00h.- Contacontos a cargo de Ana Carreira “Entre serpes e mouros”.
  • 19.00h.- Presentación do libro ”BreiCar en el Camino de Santiago” de Mirella López Díaz e ilustracións de Carmen Anguez López.
  • 19.15h.- Merenda saudable para crianzas.

SÁBADO 1

  • 11.00h.- Apertura e postos de venda (de 11.00 a 13.30h e de 17.30 a 20.30h).
  • De 12.00 a 13.30h.- *Obradoiro infantil de ilustración a cargo de Noemí López, “Historias sen palabras” (15 prazas) INSCRICIÓNS ata completar prazas, en alcaldia@lugocapitaldacultura.com.
  • 18.00h.- Contacontos a cargo de Soledad Felloza “Lendas portuguesas da terra e do mar”.
  • 19.00h.- Presentación do libro ”O estraño ser” de Eva Iglesias Rodríguez & Eva Pia Fernández.
  • 19.15h.- Merenda saudable para crianzas.

DOMINGO 2

  • 11.00h.- Apertura da feira e postos de venda (de 11.00 a 13.30h e de 17.30 a 20.30h).
  • 11.45h.- Presentación do libro ”Os Planetas de Samu” de Joana Cordeiro e ilustracións de Ana Cordeiro.
  • De 12.00 a 13.30h.- *Obradoiro de ilustración de cómics para nenos/as, a cargo de María Lides, “Edificando culturas” (15 prazas).
  • 18.00h.- Contacontos a cargo de Caxoto, “Contos de medo que deixan durmir”
  • 19.15h Merenda saudable para crianzas.

Noticias relacionadas