O Vello Cárcere acollerá este xoves unha cata literaria coa escritora lucense Adela Figueroa dentro da programación da Capital da Cultura

A través desta iniciativa buscase poñer en valor e visibilizar a obra de autores galegos e portugueses, ao tempo que se dan a coñecer produtos autóctonos de ambas rexións.

Lara Méndez: “Estas catas permitirannos coñecer máis polo miúdo á autora e á súa obra, mentres se ofrece a oportunidade de probar produtos típicos de ambas marxes do Miño”.

Toda a información sobre esta cita pode consultarse en www.lugocapitaldacultura.com

Martes, 25 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Vello Cárcere acollerá este xoves unha cata literaria coa escritora lucense Adela Figueroa dentro da programación da Capital da Cultura

A escritora lucense Adela Figueroa será a protagonista da primeira das catro catas literarias que o Concello de Lugo organizará no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, os últimos xoves de abril, maio, xuño e outubro. A través desta iniciativa, o executivo municipal busca poñer en valor e visibilizar a obra de autores galegos e portugueses, ao tempo que se dan a coñecer produtos autóctonos de ambas rexións mediante degustacións de produtos de tempada.

A cita terá lugar a partir das 18:30 horas na cafetería do Vello Cárcere con entrada de libre ata completar aforo. “Estas catas literarias permitirannos coñecer máis polo miúdo, dun xeito case íntimo, ao/á autor/a e á súa obra, mantendo un diálogo cos mesmos, mentres os participantes teñen a oportunidade de probar os produtos típicos de ambas marxes do Miño”, explicou a alcaldesa Lara Méndez.

Deste xeito, as catas literarias seguirán o seguinte guión: presentación por parte dun escritor/a e firma de exemplares e, a continuación, cata de produtos portugueses e galegos. En referencia ás degustacións de produtos, realizarase unha selección para cada data que se adecúe a estación e á procedencia do escritor. Contarase, así mesmo, cun experto que dará as oportunas explicacións para enriquecer a experiencia. Así, para primeira cita haberá unha cata de empanada de bacalao á portuguesa e empanada de sardiñas, acompañada de de viño Alvariño Ancora.

Toda a información sobre esta actividade, así como do resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico pode consultarse a través da páxina web www.lugocapitaldacultura.com,  onde se atopan actualizados os horarios, ubicacións e datas das diferentes iniciativas que terán lugar ao longo do ano na cidade amurallada.

Sobre a autora

Adela Clorinda Figueroa Panisse, nada en Lugo, é unha bióloga, activista e escritora galega. É autora de poesía feminista, de compromiso ambiental e social, de amor e erótica. Tamén escribiu obra en prosa, literatura infantil e xuvenil, contos de mulleres, contos populares, de humor; tamén de terror e misterio.

Ten colaborado en diferentes revistas como Cerna ENCIGA, Agália ou Portal Galego da Língua e en xornais como El Progreso, La Voz de Galicia, Xornal.com, Vieiros, A Nosa Terra, Praza Pública, Sermos Galiza e Nós Diario.

Noticias relacionadas