O X Sanfroidance estará protagonizado por artistas femininas

Esta nova edición do festival de música negra e electrónica celebrarase o venres, 9 de outubro, no aparcamento do Seminario

A partir das 17:00 horas e ata a 01:30 pasarán polo escenario deste certame musical o grupo Sisters in the house, a veterana Seislaesencia Band e a Dj e remixer Ches, entre outros

Mércores, 09 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este mércores a décima edición do festival de música negra e electrónica Sanfroidance, que este ano estará protagonizada maioritariamente por artistas femininas. Trátase dun certame que reúne en Lugo a grupos e dj´s de recoñecemento nacional e internacional de diferentes estilos, dende soul, jazz, reggae ata rap, disco, dancehall, break, swing e mashup. Este certame celebrarase o venres, 9 de outubro, no aparcamento do Seminario, tal e como avanzou Basadre.

“Apostamos por un San Froilán de música variada, para que estas festas declaradas de Interese Turístico Galego e Nacional sexan unhas festas para todos os gustos, dende os máis novos aos máis veteranos”, destacou a Concelleira, quen lembrou que “soamente cun programa amplo e diverso revalidaremos o marcado caracter popular que define a estas festas”.

A partir das 17:00 horas e ata a 01:30 horas pasarán polo escenario do Sanfroidance o grupo musical Sisters in the house, que ofrece un espectáculo único de versións de clásicos da música negra e música popular galega; e a veterana Seislaesencia Band, que presentará o novo show coa esencia do máis puro funk-rap e soul en castelán, con letras propias e unha posta en escea chea de forza. No X Sanfroidance tamén actuará a Dj e remixer barcelonesa Ches, unha das poucas mulleres que practica activamente a disciplina do turntablism en España, unha método que combina diferentes xéneros musicais nunha sesión añadindo pinceladas técnicas e remixes en directo.

O polbo, un dos grandes reclamos do San Froilán

O Concello de Lugo mantén aberto o prazo de inscrición para o 2º Concurso de Polbeiras e Polbeiros San Froilán 2015. Todos os profesionais especializados na cocción e no servizo do polbo que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia poden anotarse ben no correo electrónico cultura@concellodelugo.org ou a través do fax 982 29-71-06, ata o día 22 de setembro. A solicitude de inscrición pode descargarse da páxina web www.lugo.gal. A aceptación e inscrición de participantes desenvolverase por estrita orde de inscrición e cun máximo de 8 polbeiras e polbeiros, 2 máis que a pasada convocatoria.

Gastronomía e arte, da man no San Froilán

O Concello de Lugo mantén aberto tamén o prazo de presentación de solicitudes para participar na segunda edición de Gastroarte, a feira de artesanía e gastronomía que pon en marcha a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua para promover os produtos gastronómicos e artesáns lucenses aproveitando a afluencia de visitantes á capital durante os días de celebración do San Froilán.

Todos os interesados poden presentar xa as súas solicitudes de participación, tal e como se indica nas bases publicadas o xoves, 20 de agosto, no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo será de 30 días hábiles e deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello, na Ronda da Muralla nº 197, ou ben por correo ordinario.

Máis información na web www.lugo.gal

Audio

Noticias relacionadas