O XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC exhibirá as obras dos participantes na luguesa Capela de Santa María

A USC pechará o día 19 o prazo de inscrición para tomar parte na nova convocatoria deste  certame, que se celebrará o 20 de setembro a partir das 10:00 horas

Xoves, 08 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC exhibirá as obras dos participantes na luguesa Capela de Santa María

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; a Vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva; a Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García; e en representación do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Eduardo Ochoa, presentaron este xoves na Casa do Saber o XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC. Un certame aberto á participación de todas as persoas interesadas maiores de idade, pertencentes ou non á comunidade universitaria, que terá lugar o vindeiro 20 de setembro, a partir das 10:00 horas.

Este concurso repartirá 500 euros en metálico e trofeos para os autores das dúas fotografías que resulten premiadas polo xurado encargado de fallar a nova edición deste consolidado certame, organizado pola Área de Cultura da USC en colaboración co Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá ao abeiro do programa Lugo Cultural, un convenio no que actualmente están representados, ademais da institución académica compostelá, o Concello de Lugo e a Deputación.  A principal novidade desta edición vén dada polo feito de que as imaxes presentadas a concurso polos participantes conformarán unha exposición que poderá visitarse na Capela de Santa María da capital luguesa do 26 de outubro ata o 6 de novembro de 2016.

As persoas que desexen participar nesta convocatoria artística arredor da fotografía aberta a fotógrafos e afeccionados maiores de 18 anos, poderán apuntarse ata as 14:00 horas do día 19 de setembro. A inscrición é de balde e pode realizarse nas dependencias da Área de Cultura do Campus de Lugo, sitas na Vicerreitoría de Coordinación, sita na Praciña da Universidade, a través do número de teléfono 982.82.15.13, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou no enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es. As bases da convocatoria desta edición do Maratón Fotográfico do Campus están accesibles na web www.lugocultural.es, onde tamén é posible formalizar a matrícula.
 
A actividade fotográfica propiamente dita desenvolverase o 20 de setembro. Os participantes coñecerán ás 10:00 horas os dous temas, un libre e outro proposto pola organización, sobre os que deben versar as fotografías presentadas a concurso. Os participantes neste certame deberán entregar aos organizadores o material co que desexen participar antes das 14:00 horas do día seguinte, 30 de setembro.
 
O XXII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo mantén tamén nesta convocatoria dúas modalidades de participación: fotografía dixital e analóxica. Os participantes, que deben elixir unha modalidade no momento da súa inscrición, teñen que presentar unha fotografía por cada un dos dous temas propostos para o concurso.
 
Premios e diplomas
Os organizadores do XXII Maratón Fotográfico do Campus contemplan a entrega de dous premios, que contan cunha dotación económica conxunta de 500 euros. Así, o autor/a da mellor fotografía do tema proposto pola organización recibirá o Premio Carlos Valcárcel, o fotógrafo galego máis veces galardoado, segundo subliñou Eduardo Ochoa, un galardón dotado con 300 euros en metálico, ademais de diploma e trofeo. O premio á mellor fotografía do tema libre inclúe unha gratificación en metálico de 200 euros, diploma e trofeo. Todas as persoas participantes recibirán diploma acreditativo e as súas fotografías formarán parte da mostra colectiva.

A celebración do XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC serve de colofón da programación de actividades desenvolvida este ano 2016 ao abeiro do convenio Lugo Cultural, unha oferta que rexistrou o incremento de público de máis de 1.000 persoas con respecto á edición anterior. Máis de 5.000 persoas gozaron este ano coas actividades, concertos, espectáculos, festivais de danza, teatro, curtas, seminarios e demais actuacións programadas na última edición do Lugo Cultural, na que “ademais de fomentar a investigación e a creación”, segundo indicou García Porto, tamén se avanzou na “recuperación de espazos públicos para o lecer”, dixo Basadre.

Noticias relacionadas