Os XII Xogos do Eixo Atlántico darán comezo mañá coa participación de preto de 2.000 deportistas

Este martes pola tarde terá lugar o desfile das delegacións dos participantes, dende a Praza de San Marcos ata a Praza de Santa María, pasando pola Praza Maior. Estarán representados 29 municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal

As competicións, nas que participarán 1.850 mozos de ata 16 anos, terán lugar os días 5, 6, 7, 8 e 9 de xullo. Lugo acollerá as modalidades de fútbol, baloncesto, atletismo e natación; Monforte as de voleibol e Sarria as de balonmán e ximnasia rítmica

Luns, 03 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os XII Xogos do Eixo Atlántico darán comezo mañá, martes 4 de xullo, cun acto inaugural na capital luguesa, que é unha das tres sedes, xunto con Sarria e Monforte de Lemos, desta nova edición do evento. Participarán 1.850 mozas e mozos menores de 16 anos de Galicia e Portugal. As competicións arrancarán o mércores, 5 de xullo, e prolongaranse ata o domingo, día 9.

É a 1ª vez que esta cita deportiva, cun retorno económico aproximado de 700.000 euros entre os tres lugares, ao ser capaz de reunir a preto de 5.000 persoas entre participantes e organizadores, se celebra en Lugo. Faino grazas aos Concellos de Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, a Deputación de Lugo e o propio Eixo Atlántico.

Nesta edición, estarán representados 29 municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal: Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, Ourense, Pontevedra, O Carballiño, Santiago de Compostela, Barco de Valdeorras, Carballo, Vigo, Vilagarcía, Riveira, Narón, A Coruña, Macedo de Cavaleiros, Matosinhos, Porto, Famalicão, Braga, Peso da Régua, Bragança, Maia, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Valongo, Viana do Castelo, Guimarães, Santa Maria da Feira e a Eurocidade Chaves-Verín.

Romanos, castrexos, xigantes, cabezudos e cigarróns

Este martes pola tarde, terá lugar o desfile das delegacións dos participantes, dende a Praza de San Marcos ata a Praza de Santa María, pasando pola Praza Maior. Nesta marcha, por primeira vez, incorporaranse ao desfile catro elementos etnográficos. Irán abrindo a marcha unha representación de romanos e castrexos de Lugo; polo medio irán os cabezudos da Nosa Señora de Agonía (Viana do Castelo), despois os cigarróns de Verín e, por último, os caretos de Macedo de Cavaleiros e Bragança. A música será tamén a protagonista nesta xornada inaugural, coa participación de agrupacións folclóricas e do grupo de break dance Vella Escola, de Lugo.

Durante a cerimonia de inauguración o presidente do Eixo, Ricardo Rio, fará entrega do trofeo do Xogo Limpo Nelson Cardoso á delegación do municipio de Vila Nova de Gaia. Ademais, como é habitual farase a entrega dunha placa conmemorativa a modo de homenaxe a dous funcionarios da área de deportes, un galego, Miguel Domínguez, e outro portugués, Vicente Sousa, pola súa implicación nas actividades de promoción do deporte impulsadas desde o Eixo Atlántico.

Competicións

As competicións terán lugar os días 5, 6, 7, 8 e 9 de xullo. Lugo acollerá as modalidades de fútbol, no campo municipal das Gándaras, baloncesto, no Pazo Provincial dos Deportes, atletismo e atletismo adaptado, nas Pedreiras, e natación e natación adaptada nas piscinas municipais de Frigsa. Pola súa banda, as competicións de voleibol celebraranse en Monforte e as de balonmán e ximnasia rítmica, deporte novidade desta edición, en Sarria. Por último a clausura terá lugar o día 9, no Vello Cárcere, data na que tamén se celebrarán as finais.

Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo, esta edición tamén integra dúas modalidades de deporte adaptado, natación e atletismo, coa participación de máis de 70 persoas, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar as barreiras e fomentar a participación de todos os rapaces.

Instituto Camões

Un aspecto sobresaliente desta edición é que por primeira vez se vai integrar a celebración dos Xogos coa promoción da cultura do país no que non se celebra a competición, neste caso Portugal.

Nesta edición, e a través dun acordo establecido entre o Eixo e o Instituto Camões de Vigo están previstas distintas actividades culturais durante a semana dos Xogos en Lugo, Sarria e Monforte. Así, haberá exposicións sobre a cultura e a historia do cine en portugués en Sarria e Monforte; e en Lugo o Vello Cárcere acollerá a proxección dun filme portugués e de curtas e unha peza de teatro dedicada á lingua portuguesa.

Noticias relacionadas