Paula Alvarellos: “Coa apertura das novas oficinas do SEPE gaña toda a cidadanía lucense pero, especialmente, a veciñanza da Residencia”

A rexedora, acompañada de Pedro Blanco e Isabel Rodríguez, visitou este luns as novas instalacións, xa en funcionamento, situadas na antiga escola de Enfermería.

Alvarellos agradeceu ao Goberno Central a súa aposta decidida pola materialización das novas oficinas mediante a cesión gratuíta dos terreos e un investimento de 1,2M de euros.

Ademais, puxo en valor a implicación veciñal para demandar novos servizos para o barrio e lembrou que “o Concello sempre tendeu a man para colaborar neste proxecto”.

Luns, 18 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos: “Coa apertura das novas oficinas do SEPE gaña toda a cidadanía lucense pero, especialmente, a veciñanza da Residencia”

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou este luns as novas oficinas do SEPE na cidade, situadas na antiga escola de Enfermería, no barrio da Residencia. Estas novas instalacións, que xa se atopan en funcionamento, integran os servizos que ofrecían as oficinas de Acea de Olga e o barrio Feijoo.

Alvarellos agradeceu ao Goberno Central a súa aposta decidida pola materialización destas novas instalacións mediante a cesión gratuíta dos terreos e un investimento de 1,2 millóns de euros que permitiu o acondicionamento do edificio e o traslado das dúas oficinas que ata o de agora prestaban os seus servizos nas rúas Río Cabe e Campos Novos.

A rexedora destacou que “coa posta en funcionamento destas novas instalacións gaña toda a cidadanía lucense pero, especialmente, a veciñanza da Residencia, pois sen dúbida contribuirán a dinamizar esta zona e a impulsar a súa actividade diaria”. Neste senso, lembrou “a implicación veciñal para demandar novos servizos para este barrio mediante a rehabilitación das instalacións que quedaron en desuso trala apertura do HULA no ano 2011, reivindicación compartida e respaldada polo goberno local”.

Ademais, apuntou que “dende o Concello sempre tendemos a man para colaborar neste proxecto, dende intentar axilizar as licenzas para que fose o máis rápido posible, a xestión das acometidas de saneamento, abastecemento e electrificación... así como asumindo o mantemento da iluminación e das zonas verdes que se xeraron no entorno”.

Deste xeito, Alvarellos reivindicou “a colaboración entre as distintas as administracións para sacar proxectos adiante, como sucedeu neste caso, unha colaboración grazas á cal o barrio da Residencia dispón de novas infraestruturas e servizos”.

Finalmente, a rexedora desexou aos traballadores do SEPE moitos éxitos nestas novas dotacións, “que non só incrementarán a comodidade do persoal, senón tamén dos usuarios á hora de pedir información, asesoramento ou realizar as xestións oportunas relacionadas co mercado laboral”.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou a funcionalidade das novas oficinas do SEPE no barrio da Residencia, que atenderán anualmente a máis de 27.000 lucenses, pasando por estas instalacións unha media de 100 persoas ao día.

O delegado explicou que “no último ano o SEPE realizou na provincia de Lugo preto de 33.000 xestións, nas que sobresaen a tramitación das prestacións por desemprego, que sumaron na provincia 109 millóns de euros”. Desta cantidade, Pedro Blanco detallou que na cidade de Lugo tramitáronse o 46% do total de prestacións por desemprego, con 50 millóns de euros abonados na capital.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre as novas oficinas do SEPE | Descargar mp3

Multimedia

  • Paula Alvarellos: “Coa apertura das novas oficinas do SEPE gaña toda a cidadanía lucense pero, especialmente, a veciñanza da Residencia”

Noticias relacionadas