A pista de xeo da Praza Horta do Seminario abre as citas de lecer para esta ponte festiva en Lugo

Dende esta tarde e ata o 10 de xaneiro, os lucenses e visitantes poderán gozar da instalación

Venres, 04 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo abriu esta tarde a pista de patinaxe sobre xeo, que permanecerá aberta ata o 10 de xaneiro na Praza Horta do Seminario, “unha alternativa máis de lecer e diversión tanto para ponte festiva como para o Nadal”, asegurou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Trátase dun parque de xeo de 300 metros cadrados, que abrirá ao público de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas (soamente centros escolares), e de 17:00 a 21:00 horas de luns a xoves, e ata as 22:00 horas os venres. Os sábados e domingos o horario será de 11:00 a 22:00 horas. Haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vísperas de festivo ata as 23:30 horas. 

Durante o período de vacacións de Nadal, a pista de xeo permanecerá aberta de luns a domingo de 11:00 a 22:00 horas, salvo o 24 e 31 de decembro, que será de 11:00 a 20:00 horas; o 25 de decembro e o 1 de xaneiro, de 16:00 a 20:00 horas e o día 5 de xaneiro, que abrirá de 11:00 a 23:30 horas. O prezo de entrada para patinar é de 8 euros, incluídos os patíns, para unha sesión de 50 minutos. Hai descontos para colexios e familias. O operativo contará con 20 pares de patíns de dobre coitela de iniciación dende os dous anos e 300 pares de patíns de todas as tallas. Para facilitar a utilización por todo tipo de públicos, tamén haberá andadores que facilitan o aprendizaxe e trineos para persoas con diversidade funcional. 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, convidou a todos os lugueses e visitantes a achegarse á Horta do Seminario para practicar este deporte navideño ao tempo que convidou aos foráneos a que “nesta ponte se poñan en Lugo”. 

Outras actividades na ponte

Neste senso, a edil avanzou outras actividades que terán lugar esta fin de semana, como o salón de lecer Xuvenlugo, no Pazo de Feiras e Congresos, ou a exposición Tende e Colga, situada na praza Anxo Fernández Gómez, detrás do consistorio, un acto enmarcado dentro da programación que conmemora o XV Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Basadre tamén lembrou dúas andainas programadas para o 6 e 8 de decembro, por Santalla de Bóveda e o Camiño Primitivo de Santiago, e por Santa María de Eirexe, respectivamente. O punto de partida é a Ronda da Muralla, xunto á porta de Bispo Aguirre ás 10:30 horas. 

Noticias relacionadas