Unha vintena de asociacións visibilizarán o seu traballo no mercado solidario Diversiarte

Ana González Abelleira presentou este luns a décima edición deste mercadillo que acollerá a Praza Anxo Fernández Gómez os días 16, 17 e 18 de decembro de 11:00 a 20:00 horas

O día 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, e o día 4, Día Internacional do Voluntariado, ás 12:00 e 17:00 horas respectivamente, terá lugar a lectura dun manifesto diante do Concello

Luns, 30 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación do mercado solidario Diversiarte

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentou este luns no Salón de Plenos a décima edición do mercado solidario Diversiarte, que acollerá a Praza Anxo Fernández Gómez os días 16, 17 e 18 de decembro de 11:00 a 20:00 horas. Trátase dunha iniciativa organizada polo Concello de Lugo en colaboración cunha vintena de asociacións da cidade, para facer máis visible o traballo que realizan estas entidades. Ao acto de presentación tamén asistiu a presidenta de ALCER, un dos colectivos que elaborou este ano a programación de Diversiarte xunto a ALUCEM, Carmen García, así como representantes das diferentes asociacións partipantes no mercado.

No acto, González Abelleira fixo fincapé no marcado caracter solidario deste mercadillo, “pois o que se recaude irá destinado ao labor social de diferentes colectivos para que continúen a traballar en prol da igualdade real e efectiva”, ao tempo que manifestou o compromiso do Concello coas entidades sociais do municipio, para as que neste 2015 a entidade local destina 244.500 euros. Abelleira aproveitou tamén para agradecer a implicación no ámbito social destes colectivos.

Neste senso, a edil avanzou que o día 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, ás 12:00 horas, terá lugar a lectura dun manifesto diante do Concello a cargo do atleta lucense Tito Margaride. O día 4, Día Internacional do Voluntariado, celebrarase un obradoiro de chapas ás 16:30 horas diante da Casa Consistorial, así como actuacións de baile e a lectura dun manifesto.

Pola súa banda, García agradeceu a colaboración do Concello coas asociacións sen ánimo de lucro e por apoiar aos que traballan polo benestar e a mellor calidade dos lucenses.

Arte, música e solidariedade

No mercado venderanse obxectos que realizan as asociacións Alcer Lugo, Alucem, Alume, Adace Lugo, Adil, AFALU, Asociación Española Contra o Cancro, ALUFI, ALUSOR, ANADE, ASORLU, Asociación Galega de Lupus, Auxilia Lugo, COGAMI, ASPNAIS, ONCE, Raiolas Lugo, Down, Capaces Lugo, Asociación Parkinson Lugo, FADEMGA Plena Inclusión, Bonhomía e Centro San Vicente. Poderán mercarse postais, adornos de Nadal ou obxectos decorativos, entre outros. Cada asociación terá o seu propio posto, no que ademais ofrecerán información sobre o seu traballo. De forma simultánea ao mercadillo, o día 17, ás 19:00 horas haberá unha actuación musical a cargo do conxunto vocal Lugh.

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre o mercado solidario Diversiarte |Descargar mp3

Máis info

Multimedia

  • Presentación do mercado solidario Diversiarte

Noticias relacionadas