Unha vintena de emprendedores dos viveiros de empresas municipais expoñen os seus produtos e servizos na Praza Maior

A iniciativa, promovida pola alcaldesa baixo o título Vive Praza, enmárcase no movemento Localmente Lucense para a dinamización económica da cidade.

Lara Méndez: “En Lugo contamos cunha importante canteira de emprendedores, aos que apoiamos dende o Concello proporcionándolles espazos para medrar”.

A cita, que tivo lugar ao longo de todo o día, contou, así mesmo, con actuacións musicais, ludoteca, obradoiros e contacontos para o público infantil.

Mércores, 21 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha vintena de emprendedores dos viveiros de empresas municipais expoñen os seus produtos e servizos na Praza Maior

Unha vintena de emprendedores e emprendedoras dos viveiros de empresas municipais da Tinería e o CEI Nodus déronse cita este mércores na Praza Maior de Lugo para expoñer os seus produtos e servizos e darse a coñecer. Fixérono a través da iniciativa Vive Praza, posta en marcha pola alcaldesa, Lara Méndez, dentro do movemento Localmente Lucense, de dinamización económica da cidade.

“O obxectivo desta xornada é visibilizar e poñer en valor, dende o corazón de Lugo e nun ámbiente lúdico e festivo, os proxectos de novos emprendendedoras e emprendores lucenses que están a dar os seus primeiros pasos nas incubadoras empresariais do CEI Nodus e a Tinería”, lembrou a rexedora.

Lara Méndez subliñou que “en Lugo contamos cunha importante canteira de emprendedoras e emprendedores aos que apoiamos dende o Concello proporcionándolles espazos para medrar e ofrecéndolles asesoramento individualizado para validar a súa idea de negocio”.

Neste senso, a alcaldesa lembrou que o executivo municipal impulsou ao longo de seis edicións o programa Inicia Coworking, con gran éxito, “pois supuxo a xeración de 121 proxectos empresariais, dos que 83 están facturando, e a creación de 219 postos de traballo directos, máis os indirectos”. E, agora mesmo, “temos abertas as inscricións para un novo programa de formación en emprendemento dirixido por primeira vez só a persoas desempregadas, denominado Back2Work”, apuntou.

O evento de hoxe contou cunha sesión vermú co DJ Álex Mei, ludoteca para crianzas, obradoiros infantís relacionados co emprendemento, un contacontos e, como peche final, unha actuación musical a cargo do grupo Carta de Ajuste.

A iniciativa enmárcase no movemento Localmente Lucense, promovido polo executivo municipal, a través da área de Desenvolvemento Local e Emprego, que dirixe a edil Ana Abelleira. En concreto, trátase dunha das accións específicas postas en marcha pola alcaldesa para dinamizar os viveiros de empresas municipais, enmarcadas no ‘Plan de fomento do emprendemento e a consolidación empresarial’, que inclúe outras actuacións como os almorzos de negocios, charlas con reputados expertos programas de formación, cine ao aire libre ou xornadas de portas abertas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a iniciativa Vive Praza | Descargar mp3

Multimedia

  • Unha vintena de emprendedores dos viveiros de empresas municipais expoñen os seus produtos e servizos na Praza Maior

Noticias relacionadas