Á venda as entradas para os espectáculos do Arde Lvcvs de Harpastvm, o Circvs e Divinivm

Poden adquirise en www.entradaslugo.es ou na Oficina Municipal de Turismo, todas elas cun prezo de 3 euros e ata un máximo de 10 por persoa. Todos os eventos serán na explanada do Pavillón Municipal

Sigue aberta a inscrición para a proba Mvrvs Lvcis, a través de www.championchipnorte.com. O límite de persoas participantes é de 250

Mércores, 06 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de poñer á venda as entradas para o Harpastvm, o Circvs Romano e o espectáculo Divinivm, no marco do Arde Lvcvs, todas elas cun prezo de 3 euros e ata un máximo de dez por persoa. Nos tres casos poderanse adquirir a través da web www.entradaslugo.es ou ben na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo. Todos os eventos serán na explanada do Pavillón Municipal, o primeiro deles o venres, ás 23:30 horas, a cargo das asociacións de recreación histórica Caetra Lucensium, Mercenarios Galaicos e Guardia Pretoriana; o segundo o sábado, a partir das 18:00 horas, e o terceiro, tamén o sábado, dende as 23:55 horas.

Así mesmo, mantense aberto o prazo inscrición para a carreira II Mvrvs Lvcis, Romanos contra Castrexos, que se celebrará na primeira xornada do Arde Lvcvs MMXVIII, o 15 de xuño, a partir das doce da noite. Constará dunha volta polo adarve da Muralla, correndo o grupo dos romanos e o dos castrexos en sentido contrario, é dicir, un grupo sairá cara a dereita e outro cara a esquedra, sentido que escollerá un representante do grupo romano e do grupo castrexo co xogo da moeda ao aire.

O límite de inscricións será de 250 persoas, 125 romanos e romanas e 125 castrexos e castrexas, e a idade mínima para participar é de 16 anos. Todas as persoas que desexen participar deben inscribirse, ata o 11 de xuño, a través da páxina web www.championchipnorte.com. O custo da inscrición é de 3 euros e inclúe vestimenta de caracterización, a elixir á hora da inscrición entre romano ou castrexo. As prazas iranse esgotando por rigusoa orde de inscrición. Así mesmo, avituallamento líquido ao rematar a  proba.

A recollida de dorsais e vestimenta realizarase no centro colaborador do evento Forus Lugo, na rúa Iglesias Otero, entre o 13 e o 15 de xuño. Haberá un gañador e unha gañadora absolutas en cada categoría (romana ou castrexa) e un equipo gañador, que resultará da suma dos 15 mellores tempos masculinos e 10 femininos de cada categoría.

A proba comezará e rematará na praza de Pío XII, onde todas as persoas participantes están convocadas ás 23:45 horas, para comezar a carreira 15 minutos máis tarde.

Máis información na web oficial destes festexos www.ardelucus.com.

Noticias relacionadas