A Xunta de Goberno Local autoriza esta semana seis licenzas urbanísticas por valor de 757.000 euros

Igualmente, o executivo aprobou a prórroga, durante un ano, do programa pedagóxico “Aprende Xogando” co que a área de Muller pula pola conciliación laboral das familias.

Mércores, 17 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de Goberno Local autoriza esta semana seis licenzas urbanísticas por valor de 757.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá 6 licenzas urbanísticas para acometer diferentes actuacións no termo municipal que, de forma conxunta, suman un investimento de 757.233 euros.

 Entre as intervencións máis destacadas, trasladadas pola área de Urbanismo Sostible que dirixe Miguel Couto, figura a ampliación en dúas plantas dun edificio en Catasol no que tamén se incrementarán as condicións de accesibilidade coa instalación dun novo ascensor e se procederá á mellora da envolvente térmica. A obra, que ten un prazo de execución de dous anos, dispón dun orzamento en 334.768 euros.

 O executivo de Lara Méndez validou alén a mellora da fachada e renovación dunha cuberta así como a rehabilitación doutra en sendos inmobles das rúas Emilia Pardo Bazán (133.186 euros) e Mondoñedo (24.440 €), respectivamente, e a construción dunha vivenda unifamiliar en Castelo (149.192 €) e ampliación doutra en San Salvador de Muxa (115.624 €).

 Igualmente, validouse o modificado dunha licenza na que se realizaron pequenos cambios de distribución nunha obra que vén de rematar a súa execución no Carril das Hortas. Os protocolos postos en marcha durante este mandato permiten simultanear esta tramitación – a emisión de informes de modificado - coa xestión da licenza de primeira ocupación do edificio, o que redunda non só na simplificación dos procedementos senón tamén na súa axilización.

 Ademais, na sesión desta semana autorizouse a derradeira prórroga á empresa A Billarda para a execución do programa pedagóxico Aprende Xogando, pertencente á concellería de Muller, Igualdade e Xuventude, por importe de 129.800 euros.

 A través deste servizo, que se presta de forma continuada durante todo o ano, en horario de tarde nos centros cívicos da Milagrosa, Maruja Mallo e Uxío Novoneyra, e, durante o período estival, tamén no María Balteira e incluíndo a quenda de mañás, o Concello trata de posibilitar a conciliación laboral das familias lucenses a través da atención aos nenos e nenas coa realización de actividades de animación infantil e coeducación tomando o xogo como eixo central da intervención.

 Na actualidade, a nivel municipal coexisten diferentes recursos dirixidos ao mesmo fin como son os programas de comedores escolares (prestan o servizo de madrugadores e xantar), o programa vacacional “Aulas Abertas” ou as escolas infantís municipais. Cada un destes servizos realízase en determinadas franxas horarias e ofértanse en determinadas épocas do ano para tratar de dar cobertura ás demandas e necesidades da cidadanía.

Noticias relacionadas