A Alcaldesa agarda un próspero resultado da campaña de promoción de Lugo en Fitur

Lara Méndez asistiu este venres, xunto a outros Alcaldes, aos actos con motivo do Día de Galicia enmarcados na 36ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid

Venres, 22 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu este venres aos actos con motivo do Día de Galicia enmarcados na 36ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur). A rexedora aproveitou a súa visita a Fitur para estar presente, xunto a outros Alcaldes, na presentación da campaña promocional de Turismo de Galicia, do mesmo xeito que xa asistira á presentación da novena guía E Para comer, Lugo ou da Volta Ciclista a España o pasado mércores.

Tras o seu paso por Fitur, Lara Méndez manifestou a boa acollida e a receptividade que tivo a presentación da campaña de promoción de Lugo, Unha viaxe no tempo, pasado, presente e futuro. Ven, é Lugo, así como a presenza do municipio nesta feira de referencia no sector turístico tanto a nivel nacional como internacional.

“Fitur é un cita imprescindible para presumir de todos os nosos atractivos culturais, históricos, paisaxísticos e gastronómicos, posto que recibe a máis de 220.000 visitantes cada edición e reúne a representantes de máis de 165 países e rexións”, afirmou Méndez, quen indicou que a participación de Lugo neste certame “supón unha gran oportunidade para vender a nosa ampla oferta turística”.

“En Lugo temos tres Patrimonios da Humanidade, unha tarxeta de visita que quixemos aproveitar nesta ocasión para seguir incrementando o turismo na nosa cidade”. Neste senso, a rexedora avanzou que o obxectivo para este 2016 é superar os 40.600 visitantes deste ano á Oficina Municipal de Turismo, aumentando tanto o número de viaxeiros nacionais como internacionais. “Agardamos que a campaña presentada en Fitur e o esforzo realizado dea os seus froitos, pois queremos que a xente veña a Lugo, pernoite en Lugo, e que, por suposto, repita”, asegurou Méndez.

Noticias relacionadas