A Alcaldesa asegura que a declaración de Ben Mundial do Camiño Primitivo é “unha gran oportunidade” para Lugo

O recoñecemento “pon en valor e proxecta o noso extraordinario patrimonio a nivel internacional”, asegura Lara Méndez

Luns, 06 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A rexedora subliña a aposta do Goberno Local polo turismo cultural e por situar a Lugo como porta de entrada a Galicia do Camiño Primitivo de Santiago

A Alcaldesa, Lara Méndez, mostrou este luns a satisfacción do Concello coa decisión da UNESCO de declarar ao Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade, un recoñecemento internacional que considera “unha gran oportunidade para Lugo”. Trátase, indicou, dunha “moi boa noticia para Lugo e para Galicia, porque pon en valor e proxecta o noso extraordinario patrimonio a nivel mundial”, destacou a rexedora.
Lara Méndez lembrou que “na nosa cidade sabemos ben as oportunidades que leva consigo unha distinción coma esta e o impulso e promoción que pode supoñer, pois así o constatamos coa declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade”. De feito, calcúlase que o número de visitantes se multiplicou por 10 a raíz desta declaración.
Neste senso, insistiu a Alcaldesa, a distinción, “que debemos aproveitar, multiplica as potencialidades da nosa cidade” e “entronca coa aposta que facemos dende o Goberno Local polo turismo cultural e por situar a Lugo como porta de entrada a Galicia do Camiño Primitivo de Santiago, co fin de estimular o desenvolvemento económico e social do noso municipio”.

Noticias relacionadas