Benestar fortalece o apoio á terceira idade cun investimenento de 3 millóns de euros na atención do Centro de Día

A Xunta de Goberno adxudicará mañá a xestión da prestación nas instalacións do “Novo Antonio Gandoy” por un importe anual de 613.600 €.

Entre as melloras que incorpora a nova licitación figura a realización de saídas ao exterior e a elaboración dun estudo sobre a realidade social de Lugo.

O Executivo de Lara Méndez impulsou a reformulación do servizo trala chegada da pandemia para mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.

Martes, 22 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar fortalece o apoio á terceira idade cun investimenento de 3 millóns de euros na atención do Centro de Día

O Centro de Día ‘Novo Antonio Gandoi’ disporá dun orzamento anual de 613.000 euros (un 37’47% máis que na actualidade – 446.362 €) para afrontar a súa xestión.

A Xunta de Goberno Local autorizará mañá a súa adxudicación á empresa Alalás durante dous anos, aínda que o contrato poderá prorrogarse por outros tres en periodos anuais, o que eleva o investimento municipal até os 3 millóns de euros.

No servizo, dirixido á poboación maior, terán prioridade aquelas persoas que, polas súas eivas físicas ou mentais, socioeconómicas ou familiares, teñan reducida a súa autonomía para as actividades básicas e/ou instrumentais da vida diaria.

“O noso obxectivo é – segundo sinalou a propia alcaldesa - ofrecer un ambiente protector e familiar, que saiba previr e cubrir necesidades de atención básica e garantirlles a mellor calidade de vida posible ás e aos nosos maiores, así como evitar a institucionalización a través da coordinación optima entre todos os recursos asistenciais, logo de que a situación de pandemia vivida nos levara a reformular o servizo”.

O Executivo de Lara Méndez procurou, así, adaptar nos novos pregos da prestación á realidade social e ás demandas da veciñanza, “para o que seguimos un modelo de Atención Xerontolóxica Centrada na Persoa; unha asistencia que asume, como punto de partida, que as persoas maiores en situación de fraxilidade ou dependencia, como seres humanos que son, merecen ser tratadas con igual consideración e respecto que calquera outra, desde o recoñecemento de que todas e todos temos igual dignidade”, apuntou a rexedora lucense.

Méndez indicou que a xestión concretarase na estancia diurna e tamén no transporte – incluída a zona rural, xestionando un total de 50 prazas.

”Queremos ser o centro de referencia para as nosas usuarias e usuarios, co fin de axudar ás familias nas tarefas do seu coidado, potenciando, optimizando e coordinando os servizos de atención da rede comunitaria, que ten como prioridade facilitar a permanencia dos maiores no propio domicilio ou contorna social, ao mesmo tempo que mantemos e melloramos o seu nivel de saúde e contribuímos a que recuperen o maior grao de autonomía posible, previndo o seu deterioro mediante programas xerais e específicos de tipo terapéuticos, ocupacionais, rehabilitativos e recreativos”, sinalou Méndez.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, indicou que unha das principais prioridades do programa é estimular a participación do colectivo en actividades individuais e grupais, en función das súas capacidades psicofísicas para evitar, así, a pasividade e o illamento.

“De feito, nesa estratexia de atención xerontolóxica centrada nas persoas adquire unha especial relevancia o módulo específico de socialización e participación no que figura a creación de grupos de diálogo e fomento das relacións interpersoais, o encontro con outros colectivos e a planificación de actividades comúns, así como a celebración de festas, aniversarios, a organización de xogos, a realización de audicións musicais, o visionado de películas e mesmo a formación de grupos de lectura e actividades creativas como exposicións fotográficas, obradoiros de debuxo, pintura, manualidades ou talleres de estimulación cognitiva e animación”, abondou a edil.

As melloras do contrato reverterán na integración social e na prevención da exclusión

Unha das principais melloras que incorpora o novo contrato é a realización de até 10 saídas anuais ao exterior.

“Á natureza, culturais, termais, a desenvolver na provincia e zonas limítrofes dentro da xornada de atención diurna que se dispensa. Trátase de viaxes que xa inclúen posibles tarifas de entrada, no seu caso, transporte, comida e merenda así como o resto de gastos e que serán, para as e os beneficiarios, totalmente gratuítas”, indicou a concelleira de Benestar.

A responsable de área explicou tamén que outra das novidades que se introduciu nas bases foi a elaboración dun estudo sobre a realidade da contorna na que se intervén.

“Un análise que busca coñecer máis á poboación á que vai dirixida o recurso do Centro de Día e as súas necesidades reais, actuais e futuras, para mellorar a calidade da atención, promovendo a innovación, a revisión e actualización das formas de intervención co obxecto de ser máis eficientes”, sinalou Olga López .

A empresa adxudicataria deberá realizar, igualmente, un proxecto piloto de intervención coas persoas maiores usuarias ou potenciais usuarias do Centro de Día que viven en situación de soidade non desexada nos seus domicilios e que sexa de carácter gratuito, que terá a vocación de servir de apoio a todas estas persoas na xestión de recursos e nas relacións coas administracións e outras entidades sociais, fomentando hábitos saudables e, sobre todo, a interacción social cos seus coetaneos.

“Un traballo – abondou a concelleira - que inclúe o acompañamento a diferentes organismos, ao médico, así como saídas e paseos terapéuticos no exterior, apoio psicolóxico, de estimulación cognitiva, animación sociocultural e/ou terapia ocupacional e que dará continuidade e complementará o labor desenvolvido durante a pandemia.

Prioridades nas cláusulas administrativas: a estabilidade laboral do persoal e a dotación tanto de medios materiais como de efectivos

Olga López Racamonde subliñou que, entre os aspectos técnicos da licitación, se inclúe a incorporación dun mínimo de tres vehículos, dous deles, alomenos, adaptados para prestar o servizo de transporte no que, ademais da persoa condutora, figurará un acompañante para a axuda na mobilidade das persoas usuarias.

“Igualmente, co fin de manter a estabilidade do persoal no emprego, este será subrogado nos dereitos e deberes que tivera recoñecidos a entidade que presta actualmente o Servizo no centro”, afirmou a edil.

Entre outras esixencias, requiriuse tamén favorecer a permanencia dos/as traballadores/as, para os efectos de garantir a continuidade da prestación e evitar a súa rotación, así como flexibilidade para abordar situacións imprevistas tales como necesidades sobrevidas polo peche doutros recursos, catástrofes naturais ou crises sanitarias ou epidemiolóxicas.

Ademais, a empresa terá que elaborar diferentes protocolos de actuación nos que se aborden tanto un posible traslado urxente a centro hospitalario, como a previsión de fugas, posibles emerxencias sanitarias e demais situacións de urxencia, casos de malos tratos e mesmo pautas de prevención para COVID 19 acordes a normativa vixente.

Audio

  • A edil de Benestar, Olga López Racamonde, sobre a adxudicación da xestión, nos Centros de Día | Descargar mp3

Multimedia

  • Benestar fortalece o apoio á terceira idade cun investimenento de 3 millóns de euros na atención do Centro de Día

Noticias relacionadas