A celebración do 15º aniversario da Muralla como Ben Mundial arranca cunha viaxe no tempo, música e desfile de tropas e lexións

Numerosos lucenses e visitantes gozaron dos primeiros actos conmemorativos, organizados polo Concello, que continúan mañá cunha solta de faroliños, ás 18:00 horas, no adarve

Sábado, 28 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Desfile de tropas e lexións

Numerosos lucenses e visitantes participaron este sábado na primeira xornada dos actos organizados polo Concello de Lugo para conmemorar o 15º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade. O programa incluíu durante todo o día, de maneira ininterrompida entre as 11:30 e as 21:00 horas, unha viaxe no tempo a través dunha proxección de realidade aumentada diante da Mosqueira, que permitiu observar a Muralla e a súa contorna na etapa da súa construción e coa súa configuración orixinal. Pola tarde, a agrupación Batital ofreceu un concerto, tamén aos pés da Mosqueira, para seguidamente iniciarse un desfile de tropas e lexións romanas polo adarve da Muralla, no que tomaron parte ducias de persoas e asistiron a Alcaldesa, Lara Méndez, e membros da Corporación municipal.

Os actos de conmemoración do recoñecemento da Muralla como Ben Mundial, que puxo a Lugo no mapa, continúan mañá domingo, ás 20:00 horas, no adarve, onde terá lugar unha solta de faroliños voadores, que se repartirán en todas as escaleiras de acceso á Muralla.

O luns, todos os lucenses e visitantes poderán degustar a partir das 18:00 horas nunha carpa instalada na praza Anxo Fernández Gómez un anaco de torta xigante e solidaria, pois a ración soamente custará 20 céntimos, que serán destinados a unha asociación sen ánimo de lucro. Ás 20:00 horas, o Círculo das Artes acollerá un dobre concerto de jazz, onde actuarán Elisabet Raspall & Clara Luga e Carmen Souza&Theo Pascal.

Durante esta fin de semana, a Taberna Daniel, restaurante Antas, Curruncho A Nosa Terra, Arrocería Os Cachivaches, a parrillada Porta Santiago, o restaurante Campos e o Mesón do Alberto ofrecerán menús con prezos especiais dedicados á Muralla.

Do 4 ao 8 de decembro, na carpa de Anxo Fernández Gómez haberá un concurso de fotografía sobre o monumento bimilenario. A partir de marzo do 2016, no Centro de Interpretación da Muralla estarán dispoñibles postais sobre a recuperación e posta en valor das portas da Muralla de onte e de hoxe.

Multimedia

  • Concertos ao pé da Muralla

Noticias relacionadas