A concellería de Benestar apoia o labor das entidades sociais coa concesión de axudas por valor de 38.000 euros

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a apertura de 3 convocatorias de subvencións, entre as que tamén figuran as achegas para o mantemento e uso do taxi adaptado.

Mércores, 27 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Benestar apoia o labor das entidades sociais coa concesión de axudas por valor de 38.000 euros

O Executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Benestar Social, trasladou hoxe á Xunta de Goberno a apertura de tres convocatorias públicas para concorrer a subvencións municipais.

A área que dirixe Olga López Racamonde habilitará un partida de 38.000 euros destinada a financiar os proxectos de ONG’s e asociacións sen ánimo de lucro e outra de 19.000 € para o mantemento e uso do taxi adaptado.

Así, a edil explicou que “esta mañá foron validadas as bases xerais que permitirán ás entidades sociais da cidade solicitar unha achega da Administración local para sufragar tanto as actividades que realizan como a conservación das instalacións nas que as levan a cabo”, ao tempo que puxo en valor o traballo realizado por estes colectivos, “complemento indispensable das prestacións públicas”.

López Racamonde animou ás asociacións a aproveitar a existencia destes fondos “ás que convidamos a solicitalos para poñer en marcha as súas iniciativas que cumpren un cometido fundamental na sociedade, redundando no conxunto da poboación”, sinalou.

Por outra banda, a concelleira anunciou que, tamén nesta sesión, foron aprobadas as convocatorias de subvencións para o mantemento e o uso do taxi adaptado, dotadas con 14.000 e 5.000 €, respectivamente. Neste último caso, a contía individual das axudas será de 800 euros ao ano e de 1.000 € para as persoas empadroadas no rural.

Trala aprobación, este mércores, dos tres procedementos e a posterior publicación oficial do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e no Portal de Transparencia e Bo Goberno do Concello de Lugo, abrirase un prazo de 15 días hábiles para facilitar a concorrencia ás mesmas.

Noticias relacionadas